Un final de etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro de vela, obxectivo de Sanxenxo
Por Redacción
Sanxenxo quere ser final dunha das etapas da prestixiosa regata internacional La Solitaire du Figaro. A proba francesa, que se celebra na primavera de 2015, supoñería unha gran promoción do municipio no ámbito do turismo náutico, polo que o goberno municipal entende que sería tremendamente positivo para posicionarse nun sector que, en Francia, ten unha notable importancia.
Por este motivo, este xoves visitou Sanxenxo o director xeral de Pen Duick -a firma organizadora deste evento deportivo. Pierre Bojic quería coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece o municipio á hora de acoller un dos tramos desta competición que se realiza en solitario, sen asistencia e en embarcacións da clase monotipo.
Así, o percorrido, durante o cal estivo acompañado, entre outros, da alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, centrouse en comprobar a infraestrutura e os servizos que ofrece o porto pero tamén a oferta hoteleira existente para hospedar aos equipos, os seus familiares, medios de comunicación e demais persoal que se traslada coa regata.
A alcaldesa resaltou ademais ante o director de La Solitaire du Figaro a experiencia da Administración local como organizadora de grandes probas náutico-deportivas. Non en van, Sanxenxo foi en 2005 a base de operacións da saída da Volvo Ocean Race, "un feito propiciado porque dispoñemos dunhas instalacións de primeira categoría e un campo de regatas excelente para a navegación".
Tras a visita, Pierre Bojic confirmou que as condicións que presenta Sanxenxo son idóneas para formar parte de La Solitaire du Figaro, polo que trasladará esta candidatura tanto á Federación Francesa de Vela coma á International Sailing Federation, ademais de aos deportistas e aos patrocinadores.
A ruta definitiva da regata darase a coñecer en decembro en París con motivo da celebración do Salón Náutico, onde Catalina González iniciou as conversacións o pasado mes de decembro co director de Pen Duick, para postular o municipio como fin de etapa da competición.
Relacionadas:
-
Sanxenxo busca un maior crecemento e promoción para o seu turismo náutico
Por Redacción |
-
Presentan en Sanxenxo o paso pola vila da regata Solitaire du Figaro
Por Redacción |
-
Sanxenxo, único porto español no que recalará a regata La Solitaire du Figaro 2015
Por Redacción |
-
Sanxenxo acollerá en xuño o final da primeira etapa da prestixiosa regata La Solitaire du Figaro
Por Redacción |
-
Tes máis de 55 anos e viaxas fóra da tempada estival? Sanxenxo busca xente coma ti
Por Redacción |
-
O Porto Deportivo Juan Carlos I busca ser sede de grandes eventos náutico-deportivos
Por Redacción |