O porto deportivo de Sanxenxo aspira a revalidar a bandeira azul
Por Redacción
Nauta Sanxenxo pretende lograr de novo en 2015 o distintivo internacional Bandeira Azul para o Porto Deportivo Juan Carlos I. E é que as instalacións xestionadas pola empresa municipal cumpren os requisitos esixidos por Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC-FEE) en canto á educación e xestión ambiental, a seguridade e servizos e a accesibilidade. Precisamente, este último apartado é no que fixo máis fincapé o Goberno local ao longo deste ano, levando a cabo melloras no equipamento para lograr a súa total adaptabilidade.
Así o confirmou o vicepresidente de Nauta, Salvador Durán, quen recordou a recente construción de vestiarios accesibles dotados de aseos e ducha adaptada, a adquisición dunha grúa para facilitar o embarque de persoas con mobilidade reducida e dun barco para o seu traslado.
No relativo á seguridade e os servizos dos que dispón o porto, o edil destacou a existencia de torres de seguridade nos peiraos, extintores, bocas de incendio e mantas ignífugas, salvavidas, amarras ou bicheiros, escaleiras 'home á auga', entre outros elementos de salvamento, socorrismo, primeiros auxilios e contra-incendios.
Á súa vez, o equipamento conta cun sistema anticontaminación conformado por dous colectores provistos de diferentes materiais como redes e mantas absorbentes destinadas a facer fronte a un hipotético accidente no que se produza un derramo de aceite ou gasóleo. A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor esixe tamén que as instalacións inclúan subministración de auga e electricidade para as embarcacións, como é o caso.
O Porto Deportivo Juan Carlos I desenvolve ademais un plan e unha política ambiental sobre o consumo de auga, enerxía, residuos, seguridade e saúde cumprindo deste xeito co Sistema de Xestión Ambiental Ecoportos. Aos colectores de recollida de residuos urbanos súmanse aqueles destinados aos produtos perigosos que se xeran na área do varadoiro, que se deposita no 'punto limpo' do porto para ser recollidos posteriormente por xestores autorizados.
"Aínda sendo un requisito guía para a obtención da Bandeira Azul, dispoñemos dunha instalación adecuada para o bombeo das augas de sentina e cumprimos a esixencia imperativa de ter recollida de augas residuais das embarcacións", comentou Salvador Durán, ao tempo que incidiu no feito de que sexa un dos poucos portos de España que estea dotado dunha depuradora que dá servizo a toda a zona do varadoiro.
Paralelamente, a sensibilidade en materia ambiental que reflicte Nauta Sanxenxo coa habilitación destas infraestruturas tradúcese tamén da posta en marcha de actividades de educación sobre o coidado do ámbito destinadas aos usuarios do equipamento, e a exposición de información sobre espazos naturais protexidos, dun código de conduta e sobre o programa Bandeira Azul.
"Todo elo fai que o Porto Deportivo de Sanxenxo veña sendo galardoado dende 2010 con este prestixioso distintivo ao que este ano sumouse a Q de Calidade, que confirman a nosa preocupación por facer desta instalación un referente en prestacións, pero sostible", matizou o vicepresidente de Nauta.
Relacionadas:
-
Sanxenxo conxela as tarifas do parking do porto e baixa o prezo das prazas de amarre
Por Redacción |
-
A oficina de turismo de Sanxenxo opta a ser a primeira de carácter municipal coa 'Q de calidade'
Por Redacción |
-
Sanxenxo, único porto español no que recalará a regata La Solitaire du Figaro 2015
Por Redacción |
-
O Porto Deportivo logra a total accesibilidade das súas instalacións ás persoas discapacitadas
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo supera o desequilibrio económico de 2013 e pechará o ano con superávit
Por Redacción |