A ximnasia pontevedresa reclama un pavillón específico para a práctica deste deporte
Por Redacción
A ximnasia pontevedresa reclama a construción dun pavillón modular para a práctica deste deporte. Os distintos clubes que despuntan na cidade nesta disciplina carecen do espazo apropiado para os seus adestramentos. Esta reivindicación histórica foi unha das peticións que fixeron os membros do Club Ximnasia Pontevedra durante a recepción que se lles brindou este martes no Concello tralos seus éxitos deportivos.
O goberno local apoia esta petición, pero recorda que un pavillón destas características tería un custo que superaría os cinco millóns de euros e Pontevedra non pode acometelo en solitario, "aínda máis cando se trata dunha necesidade que debe cubrir a Xunta de Galicia", recordaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
Neste sentido, ambos recordaron que hai unha parcela reservada no futuro centro lúdico da Parda para acoller un pavillón de ximnasia. Pero sinalaron que o goberno galego escúsase dicindo que hai un compromiso de facer un en Ourense. "A min non me parece mal que o fagan alí, pero nós queremos dispor da nosa propia infraestrutura e para iso está disposto a colaborar cedendo os terreos e unha parte do investimento", dixo o alcalde.
No propio corpo técnico do club Ximnasia Pontevedra explicaron que hai deportistas ourensáns que están a traballar en Pontevedra e que demandan que sexa nesta cidade onde se materialicen os investimentos pendentes.
Sexa como sexa, o recente Campionato de España de Trampolín, celebrado hai poucos días no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, demostrou que o deporte da ximnasia ten unha referencia indiscutible na cidade. A competición rematou con 18 medallistas e case 30 metais en mans dos deportistas do Club Ximnasia Pontevedra.
Converteuse así no club máis laureado de España, tanto en volume, como por categorías de idade e tamén por aparatos, xa que as medallas repártense por todas as modalidades posibles.
Os deportistas foron recibidos Fernández Lores e Agustín Fernández, que manifestaron o orgullo do Concello de poder contar cun club que, en palabras do rexedor municipal, achega uns resultados "apabullantes". Ademais, o edil de Deportes enxalzou tamén o papel dos pais e dos adestradores, porque xogan, dixo, un papel necesario para chegar ata os éxitos actuais.
Relacionadas:
-
O PSOE prefire que a Deputación lle ceda ao Concello o pavillón e o campo de fútbol do Príncipe Felipe a facer un novo
Por Oskar Viéitez |
-
O novo pavillón da Parda terá capacidade para entre 1.500 e 2.000 persoas
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas reclámanlle á Xunta "o orzamento escamoteado ao polideportivo da Parda"
Por Oskar Viéitez |
-
Instan á Xunta, coa oposición do PP, a compensar a Pontevedra por paralizar o Centro Lúdico da Parda
Por Redacción |
-
O Ximnasia Pontevedra brilla na casa no Campionato de España de Trampolín
Por Redacción |
-
En marcha o Campionato de España de Ximnasia Trampolín no Pavillón Municipal
Por Redacción |