O PSOE prefire que a Deputación lle ceda ao Concello o pavillón e o campo de fútbol do Príncipe Felipe a facer un novo
Por Oskar Viéitez
"Os socialistas compartimos a necesidade de dotarnos doutro pavillón, pero non cremos que faga falta construír un novo cando xa hai un construído e en magnífico estado nos terreos da cidade infantil Príncipe Felipe", indicou o portavoz do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, tras presentar unha moción instando o alcalde a negociar a cesión das instalacións deportivas que a Deputacion ten neste centro educativo.
"Non vemos a necesidade de gastar millóns de euros en construír un pavillón cando xa hai un feito que se atopa no noso termo municipal e que se adapta ás necesidades do deporte pontevedrés", afirmou Fernández. "Hai outras moitas prioridades nas que investir os millóns de euros que custa construír un pavillón", engadiu.
Ademais entenden que, dada a súa situación dentro da parcela, a segregación das dúas infraestruturas sería "moi fácil".
O PSOE suma ao pavillón do Príncipe Felipe o campo de fútbol de herba sintética deste centro "a súa cesión xunto coa do pavillón permitiría gañar dúas instalacións moi necesarias sen gastar diñeiro en construílas", argumentando que sería un aforro en cartos e tamén en tempo.
O portavoz socialista cre que o alcalde "se enche a boca falando das boas relacións coa Deputacion pero a día de hoxe o Concello de Pontevedra non foi quen de pechar acordos importantes co organismo provincial. Aínda que estea de retirada, o alcalde debe esforzarse máis, que para iso o votaron", conclúe.
Relacionadas:
-
Feijóo anuncia que a Xunta está disposta a colaborar no financiamento dun novo pavillón de ximnasia
Por Oskar Viéitez |
-
O novo pavillón da Parda terá capacidade para entre 1.500 e 2.000 persoas
Por Alejandro Espiño |
-
A ximnasia pontevedresa reclama un pavillón específico para a práctica deste deporte
Por Redacción |