Instan á Xunta, coa oposición do PP, a compensar a Pontevedra por paralizar o Centro Lúdico da Parda
Por Redacción
Agustín Fernández asegura estar "escandalizado" ante a negativa do Partido Popular de instar á Xunta de Galicia a investir en novas infraestruturas deportivas para Pontevedra as cantidades pendentes polo Centro Lúdico e Deportivo da Parda. A moción, presentada polo concelleiro de Deportes no pleno deste luns, foi apoiada polos seus socios de goberno, pero non polos membros da oposición.
O socialista di non entender por que o grupo municipal do Partido Popular votou en contra desta proposta, "cando comparte co goberno local a necesidade urxente de mellorar e ampliar as infraestruturas deportivas dunha cidade que rexistra unha importante actividade en máis de 20 especialidades, algunhas con alto nivel competitivo a nivel nacional e internacional".
A moción lembraba que as obras do Centro Lúdico e Deportivo da Parda foron paralizadas en 2009 despois do concurso da empresa adxudicataria Teconsa. As obras, orzamentadas, nun total de 2,7 millóns de euros quedaron paralizadas e non volveron reanudarse. A licitación e contratación das obras correspondía á Xunta de Galicia.
Segundo a addenda ao convenio de Pasarón e A Parda, asinada no ano 2007, a Xunta debía achegar 1.470.000 euros, mentres que ao Concello lle correspondían os 1.230.000 euros restantes. Cada administración debería realizar as súas achegas en varias anualidades. Así o fixo o Concello que achegou en 2008 unha primeira partida de 600.000 euros, "mentres que non consta achega algunha do departamento autonómico", dixo Fernández.
A liquidación provisional das obras realizadas (excluídos os acopios de material) pechouse en 570.000 euros, "é dicir, menos aínda que a cantidade achegada polo Concello", polo que o concelleiro de Deportes entende que, á vista desta documentación, "a Xunta mesmo ingresou do Concello máis do que gastou".
Con todos estes datos, Agustín Fernández recalca que tan só se pretende que a Xunta teña "unha oportunidade de resarcir a Pontevedra dunha débeda máis que evidente", polo que cre que a postura do grupo municipal do PP é "incomprensible".
Relacionadas:
-
O PP urxe ao Concello a que "mañana mismo" licite a reforma das piscinas de Campolongo
Por Natalia Puga |
-
Preocupación nos ximnasios de Pontevedra pola competencia desleal
Por Oskar Viéitez |
-
Críticas do PP local á construción de piscinas e pistas de pádel na Parda por ser deportes "minoritarios"
Por Diego Espiño |
-
A ximnasia pontevedresa reclama un pavillón específico para a práctica deste deporte
Por Redacción |
-
O complexo deportivo da Parda será demolido para construír tres piscinas ao aire libre e catro pistas de pádel
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |