Xa está en marcha 'Descúbre-as', o directorio que visibiliza as mulleres do sector musical
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e a empresa Regala música impulsan o proxecto 'Descúbre-as', o primeiro directorio de mulleres da industria musical en Galicia, co que se pretende rematar coa discriminación que sofren neste ámbito e que xa se pode consultar no sitio web www.descubreas.com.
A presidenta provincial, Carmela Silva, e a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, presentaban este venres "un mapa creativo que xurde da necesidade de visibilizar ás mulleres na industria musical e reivindicar o seu papel na mesma", como se refería a presidenta, á vez que engadía que "desde agora ninguén vai a poder dicir que non atopa mulleres para contratar".
O directorio persegue varios obxectivos, entre os que destacan a visibilización das profesionais e o fomento das redes colaborativas. Busca visibilizar tamén a estas mulleres para que a mocidade poida ter referentes femininos e así ser conscientes de que realmente existe unha escena feminina na música. Ademais, quérese que a cidadanía en xeral tamén coñeza o traballo destas mulleres e que non caia en estereotipos.
Outro dos puntos fortes de 'Descúbre-as' é que pon á disposición de empresas, asociacións ou institucións públicas e privadas unha longa lista de mulleres que traballan na industria para fomentar a súa contratación.
Neste senso, a presidenta informou de que a Deputación de Pontevedra enviou unha carta a todos os concellos da provincia para que teñan en conta este directorio e contacten coas mulleres que participan en 'Descúbre-as' para as súas programacións. Así mesmo, como tamén indicou a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, "queremos visibilizar o traballo das escolas e doutros colectivos que están relacionados coa música e tamén coas mulleres".
Carmela Silva insistiu na importancia deste proxecto á vista dos datos sobre a situación das mulleres na música que considera intolerables, como o caso de que "só o 37% das empresas da industria musical están lideradas por mulleres, que no caso das discografías independentes soamente un 14% conta con figuras femininas ou que as tres grandes multinacionais, Sony, Universal e Warner, non teñen mulleres na súa presidencia".
A maiores, a presidenta da Deputación achegada datos sobre a precariedade dos traballos no sector musical para as mulleres e que se exemplifican en situacións preocupantes como que "o 65% das mulleres traballou na industria musical sen ningún contrato nin remuneración durante ao menos un ano, que o 35% estivo entre un e tres anos traballando sen remuneración ou contrato, e que case o 70% das mulleres cobra menos do soldo medio dos homes".
MARZO REIVINDICATIVO E MUSICAL
'Descúbre-as' intégrase na programación do 8M da Deputación e neste mes de marzo celebrará "Conversa e descubre", un ciclo de charlas nas que profesionais e artistas contarán as súas experiencias e traballos dentro da música. As charlas arrancarán o día 20 cunha sesión na que participarán Mariña Paz (voz en Furious Monkey House); Susana Saavedra (voz en Agoraphobia), Patricia Hermida (manager) e Raquel Seijo (promotora de Sweet Nocturna).
A semana seguinte, o día 26, terá lugar un concerto e a presentación dun vídeo colaborativo no que mozas da provincia interpretarán "Matriarcas", de Gaudi Galego.
Relacionadas:
-
Un programa de 'mentoring' para mulleres de entre 16 e 30 anos centrará a nova edición de 'Descúbreas'
Por Redacción |
-
Unha gala para reivindicar a voz das "aloitadoras" que comezan na industria musical
Por Redacción |
-
Bolsas de ata mil euros para lanzar a carreira musical de oito artistas da provincia con 'Descúbre-as'
Por Redacción |
-
A Deputación anuncia unha "extensa xeira de accións" que farán de marzo o mes da igualdade
Por María José Pita |
-
'Descúbreas', unha plataforma para dotar de ferramentas ao talento feminino musical da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
A música en feminino brillará con luz propia en Pontevedra
Por Redacción |