A Deputación anuncia unha "extensa xeira de accións" que farán de marzo o mes da igualdade
Por María José Pita
A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentaba este martes a programación que o organismo provincial levará a cabo ao redor da data do 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres. "Durante este mes de marzo imos facer unha extensa xeira de accións que farán do mes de marzo o mes da igualdade e da reclamación da Axenda Feminista", manifestaba Silva.
Tomando como base os principios desta Axenda Feminista, Carmela Silva lembraba na presentación dos diferentes actos na sede da Deputación en Pontevedra as materias pendentes en canto á reivindicación da igualdade de oportunidades para as mulleres e que serán o centro da ampla serie de reivindicacións deste próximo 8M "a máis potente que fixemos desde que gobernamos fai cinco anos".
Os eixos nos que se asenta esta Axenda Feminista da Deputación de Pontevedra son: loita contra as violencias machistas, abolición da prostitución, demandar corresponsabilidade nos coidados, non aos ventres de alugueiro, erradicar a hipersexualización e cousificación do corpo das mulleres e das nenas, poñer fin á brecha salarial, ter presenza igualitaria nos ámbitos de poder, visualización das achegas das mulleres e educación en igualdade como eixo transversal.
Durante o acto desenvolveuse a performance "Palabras como Gacelas" a cargo da poetisa bueuense Miriam Ferradáns. Tamén participaron as artistas que desenvolverán accións artísticas con motivo do 8M en Pontevedra e Vigo, Celeste Garrido e Luz Darriba, así como as deseñadoras das máscaras da VI Edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero", Laura Romero, Lara Lars e Gemma Marqués.
A programación ao redor do Día Internacional das Mulleres terá a súa próxima cita o venres 26 de febreiro durante o Pleno da Deputación, no que Laura Romero lerá un manifesto e proxectarase o vídeo "Coidados", que chama a atención sobre a corresponsabilidade neste ámbito. "O 89% das persoas coidadoras en España son mulleres e elas tamén representan o 95,2% das solicitudes de redución de xornada para coidados, abraiante e intolerable", manifestaba Carmela Silva.
A presidenta provincial explicaba que o obxectivo destas actividades é poñer o foco na necesidade de dar visibilidade á presenza maioritaria das mulleres na maioría dos ámbitos profesionais pero que, con todo, cando se trata de postos de dirección, o acceso das mulleres segue a ser ínfimo.
Programación de "Reivindicando a nosa Axenda - 8M Emerxencia feminista" da Deputación de Pontevedra:
- Actos centrais do 8M: "Un feminismo inquebrantable", acción artística de Celeste Garrido (8 de marzo ás 11:00 diante do edificio da Deputación en Pontevedra) e "Coidarmos", acción artística de Luz Darriba (8 de marzo ás 18:00 diante do edificio da Deputación en Vigo)
- "Reivindicando a pegada das mulleres. 365 días, 365 mulleres": acción nas redes sociais durante todo o ano
- Despregue de pancartas co lema "Reivindicando a nosa Axenda - 8M Emerxencia feminista" nas fachadas das sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo e iluminación das mesmas entre o 5 e o 31 de marzo
- "Reivindicando desde o xornalismo": encontro en liña de mulleres xornalistas "As mulleres que opinan son perigosas" (5 e 6 de marzo)
- "Reivindicando desde a ciencia": entrevista a Marisol Soenzas (4 de marzo ás 19:00); mesa redonda "Políticas de visibilidade" con María Jesús López, Cristina López, Amparo Alonso e Carmela Silva (11 de marzo ás 19:00); entrevista con Zulema Altamirano (18 de marzo ás 19:00); e mesa redonda "Unha carreira científica en desigualdade" con María de la Fuente, Elena Ojea e María Mayá (25 de marzo ás 19:00)
- "Reivindicando a música. Descúbreas": concerto o 12 de marzo na sede de Vigo, lanzamento dunha newsletter, vídeo colaborativo que busca a implicación das escolas (a primeira canción elixida é "Matriarcas" de Guadi Galego) e a actividade "Conversa e descobre"
- "Reivindicando desde a cultura. Mulleres en acción violencia cero": Intervencións de Twins Experimental (15 de marzo) e Analía Beltrán i Janés (22 de marzo)
- "Reivindicando desde o deporte": vídeo reivindicativo sobre a realidade das mulleres deportistas coa participación de Irene Vilaboa, Paula Dapena, Lorena Pérez, Elena Casal, Charo Castro, Yudith Rodríguez e Ainhoa Lameir (16 de marzo)
- "Reivindicando ás expertas": encontro virtual do comité de sabias da Cátedra de Feminismo 4.0 da Universidade de Vigo e a Deputación Provincial (17 de marzo)
- "Reivindicando desde a escrita": acción con mulleres poetas con motivo do Día da Poesía (21 de marzo)
- "Reivindicando desde o cinema": premios #Mulleres no foco para recoñecer o papel das mulleres no audiovisual
- "Reivindicando a historia das mulleres": sinatura do convenio de colaboración coa Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela
Relacionadas:
-
Un programa de 'mentoring' para mulleres de entre 16 e 30 anos centrará a nova edición de 'Descúbreas'
Por Redacción |
-
Un mural en Caldas para denunciar unha sociedade que "maquilla" a violencia machista
Por Redacción |
-
"Cada vez que volvía de cubrir una guerra me preguntaban qué hacía con mis hijos. A mis compañeros, jamás"
Por Alejandro Espiño |
-
As 'mulleres que opinan' reivindican desde Pontevedra a súa visión "crítica" na busca dun espazo "igualitario"
Por Alejandro Espiño |
-
Caldas presenta a campaña 'Mulleres da vila', un recoñecemento ás traballadoras á fronte de negocios
Por Redacción |
-
Xa está en marcha 'Descúbre-as', o directorio que visibiliza as mulleres do sector musical
Por Redacción |
-
"Imos seguir sinalando o que ten que cambiar. Non é unha ameaza, é un berro de esperanza"
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva: "En Madrid un concerto con case 5.000 persoas, e as concentracións das mulleres non?"
Por María José Pita |
-
Comezan os actos do 8M programados pola Deputación coa lectura dun manifesto
Por Oskar Viéitez |
-
"Feminismo para cambiar o mundo", o lema que acolle todos os actos previstos para o vindeiro 8 de marzo
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Cuntis e a Deputación reivindican a "violencia zero"
Por Redacción |