O festival Novos Cinemas abre o prazo de recepción de obras para esta edición
Por Redacción
Dende este xoves mesmo xa é posible presentar filmes para participar na Edición 04 de Novos Cinemas, o Festival de Cine Internacional de Pontevedra, que se desenvolverá entre o 10 e o 15 de decembro deste mesmo ano na cidade do Lérez.
Novos Cinemas é un festival de cine aberto a cineastas emerxentes de todo o mundo que conta con dúas seccións competitivas de ámbito internacional: a Sección Oficial e Latexos, destinada a dar visibilidade a producións de factura máis fráxil e íntima.
Poderán inscribirse todas aquelas longametraxes (a partir de 60 minutos) que supoñan a primeira ou segunda obra dos seus realizadores.
Serán admitidos traballos producidos, ou cuxa estrea mundial tivese lugar, despois do 1 de xaneiro de 2019, sempre que non fosen estreados comercialmente en España, nen exhibidos en circuitos de televisión públicos ou privados no momento da súa inscripción a concurso. O período de admisión de filmes estenderase dende o 30 de abril ata o 31 de xullo de 2019.
XURADOS E PREMIOS
O festival Novos Cinemas concederá cinco premios: Un xurado internacional outorgará o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial, cunha dotación económica de 2.000 euros para a compañía ou representante legal que inscribise o filme no certame.
Un xurado composto por un grupo de estudantes universitarios, pertencentes ao Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e seleccionados pola organización do festival, outorgará o Premio Xurado Novo da Sección Oficial, cunha dotación económica de 500 euros en forma de bolsa para o director do filme premiado.
Un xurado composto por críticos cinematográficos outorgará o Premio da Crítica á mellor longametraxe da competición.
O Premio Latexos, concibido grazas á colaboración da Cooperativa Numax, supón a exhibición comercial da película premiada en dita sección na sala Numax (Santiago de Compostela).
Ademais, mediante a participación e o concurso dos espectadores (media ponderada de votacións e asistentes), outorgarase o Premio do Público.
Relacionadas:
-
Novos Cinemas ofrecerá por primeira vez en España toda a obra do cineasta belga Bas Devos
Por Alejandro Espiño |
-
"Arima", a primeira longametraxe de Jaione Camborda, abrirá o festival Novos Cinemas
Por Redacción |
-
A película chinesa 'Suburban Birds', de Jiao Qu de Niao, gañadora de Novos Cinemas 2018
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Novos Cinemas profunda na súa internacionalización cunha xira por México e Colombia
Por Redacción |