Novos Cinemas profunda na súa internacionalización cunha xira por México e Colombia
Por Redacción
O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, dá un paso de cara á súa internacionalización cunha xira por Cidade de México, Querétaro e Tijuana (México) e Bogotá (Colombia) coa que dará a coñecer o audiovisual galego e europeo.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, recibiron este sábado a Paula Astorga, ex directora da Filmoteca Nacional de México e profesora da Universidade Centro -campus de referencia en disciplinas artísticas- e a Daniel Froiz e Ángel Santos, da dirección do festival, cos que falaron do proxecto.
De cara a este proxecto, Paula Astorga é o enlace coa parte mexicana e atópase en Pontevedra como parte do xurado internacional de Novos Cinemas 03, que se clausura este domingo no Teatro Principal coa entrega dos premios do certame cinematográfico e a proxección do filme Hamada de Eloy Domínguez Serén (inédito en Pontevedra).
Esta xira mexicana é froito das alianzas tecidas polas empresas locais e o Concello de Pontevedra durante a misión comercial e institucional realizada a México no ano 2017, da que Matriuska formou parte. Xa daquela, Novos Cinemas presentara en Cidade de México o filme As altas presións de Ángel Santos e tivera unha intensa axenda profesional.
O alcalde valora que este salto a México e Colombia é unha "boa nova" e destaca que Novos Cinemas é "un selo de calidade no mundo" e Paula Astorga indica que a súa internacionalización será "unha plataforma moi importante para o cine galego".
Este sábado tamén se realizou a presentación dos traballos dos participantes nesta edición do LAB. Nela, os cineastas Malena Solarz, Andrés Sanjurjo, Adrián Filgueira e Alberto Martín Menacho presentaron os seus proxectos -en diversas fases de desenvolvemento- ante un equipo de asesores que os orientarán de cara ao desenvolvemento e finalización de cada un dos seus proxectos.
Relacionadas:
-
O festival Novos Cinemas abre o prazo de recepción de obras para esta edición
Por Redacción |
-
A película chinesa 'Suburban Birds', de Jiao Qu de Niao, gañadora de Novos Cinemas 2018
Por Redacción & Diego Torrado |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Música pontevedresa para as noites de Novos Cinemas
Por Marisa Ciordia |
-
Novos Cinemas inaugura a súa Edición 03
Por Redacción |
-
Luces, cámara... acción! Comeza Novos Cinemas
Por Redacción |