Poio e Marín acollerán o espectáculo lírico homenaxe a Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti
Por Redacción
OperaConcert trae á provincia de Pontevedra o espectáculo lírico "Querida Montserrat, Querido Luciano", unha homenaxe a estes dous artistas na que participan Montserrat Martí Caballé, filla da famosa soprano española, e Simona Todaro Pavarotti, neta do tenor italiano.
As citas terán lugar o 20 de agosto, ás 20:00 horas no Mosteiro de Poio; e o 29 de agosto, na Igrexa de Santa María do Porto (Templo antigo) de Marín ás 21:00 horas.
A Deputación de Pontevedra colabora nestes espectáculos que permitirán poñer en convivencia a música de ópera co patrimonio da provincia, e todos eles son con entrada libre ata completar aforo.
No espectáculo que chega agora á provincia de Pontevedra tamén participan o barítono Luis Santana, a soprano lixeira María Dolores Crespo Abuín e o pianista Victor Carbajo.
O espectáculo que se poderá desfrutar en Poio e Marín inclúe un repertorio da canción e a ópera italiana en recordo de Luciano Pavarotti, así como arias de ópera, canción española e zarzuela por Montserrat Caballé, con títulos como "Mío bambino caro", "Ave María", "’O Sole Mio" ou "Nessun Dorma", entre outras.
Por primeira vez na historia da música réndese unha homenaxe chea de agarimo, respecto e admiración a dúas das máis grandes voces líricas de todos os tempos.
Unha italiana e unha española unidas por un cordón umbilical: o canto.
As súas voces ecoaron nos mellores teatros do mundo, desde Sydney ata Roma, desde París ata Nova York. Hoxe a segunda xeración reúnese para lembrarlles, así Montserrat Martí Caballé cantaralle á súa nai e Simona Todaro Pavarotti cantaralle ao seu tío. Simona e Montserrat, Montserrat e Luciano.
Relacionadas:
-
O exterior do templo antigo de Marín acollerá este xoves a homenaxe a Caballé e Pavarotti
Por Redacción |
-
Máis de 600 persoas enchen o Mosteiro de San Xoán para gozar dunha gala lírica
Por Redacción |
-
"Backstage" na casa de Carmiña para render tributo a Caballé e Pavarotti en Carballedo
Por Redacción |