Polo Día do Libro, Vilagarcía estreará biblioteca
Por Redacción
O vindeiro 23 de abril, Día do Libro, será aínda máis especial do habitual na biblioteca pública municipal Rosalía de Castro de Vilagarcía. Será o día no que estreará as súas novas dependencias na rúa Castelao.
O Concello programou para ese día a inauguración das novas instalacións e, para facelo posible, a biblioteca actual da rúa Rey Daviña pechará as súas portas do 15 ao 22 de abril co obxecto de facilitar o desenvolvemento dos traballos de traslado dos fondos e dos equipos informáticos.
O fondo da biblioteca, composto por 55.275 exemplares, implica que a retirada ordenada dos mesmos, o seu traslado e a posterior recolocación nas correspondentes seccións, leve varios días.
Tamén é preciso proceder á desmontaxe dos equipos informáticos, tanto os de uso público como os de xestión interna, e á súa posterior instalación e posta a punto nas novas dependencias. Este requisito obriga a suspender o servizo de préstamo de libros durante o tempo no que a biblioteca permaneza pechada. O prazo de devolución non se computará ata a reapertura das instalacións.
A nova biblioteca comezará a funcionar o día 23 de abril co seu horario actual: de luns a venres de forma ininterrompida de 9 a 21 horas, e os sábados de 9 a 14 horas.
Unha das primeiras novidades é que a sección infantil amplía o seu horario. A apertura adiántase unha hora de luns a venres (pasando a funcionar de 16.30 a 20.30 horas), e tamén os sábados (que abrirá de 9.30 a 13.30). Este horario é dos máis amplos que existen en Galicia en canto a bibliotecas municipais.
As novas instalacións suman 1.482 metros cadrados distribuídos en tres niveis e a súa construción tivo un orzamento de 1.648.266 euros financiados a través do programa ReacPon da Deputación nun 70%, e con fondos municipais no 30% restante. Anteriormente, o executivo local xa destinara 450.000 á adquisición dos locais da antiga sede do Liceo-Casino
Coa execución desta obra, o goberno de Alberto Varela cumpre un dos seus compromisos electorais máis ambiciosos, á vez que resólvese a maior necesidade que tiña Vilagarcía en materia de equipamentos culturais e aténdese una antiga demanda cidadá.
Relacionadas:
-
Alfonso Armada presenta en Vilagarcía a súa crónica sobre Galicia
Por Anxo Lourido |
-
Adxudicada a Obras Gallaecia a construción da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Unha biblioteca coa que Vilagarcía quere "estar á altura do século XXI"
Por Redacción |
-
A concesión de 1,2 millóns euros da Deputación permite a acelerar o proxecto da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O goberno local lembra que todos os vilagarciáns "puxeron 475.000 euros para axudar a salvar o Liceo Casino"
Por Redacción |
-
A nova biblioteca municipal de Vilagarcía custará 1,8 millóns de euros
Por Redacción |