Unha biblioteca coa que Vilagarcía quere "estar á altura do século XXI"
Por Redacción
A "viva e inquieta" actividade cultural de Vilagarcía, segundo destacou o seu alcalde, terá moi pronto un novo referente: a biblioteca que o Concello e a Deputación crearán na antiga sede do Liceo Casino, que será rehabilitada de xeito integral.
Este é un dos proxectos incluídos no Plan ReacPon. A administración provincial achegará o 70% do orzamento para este novo equipamento, 1,23 millóns. Das arcas municipais sairán os máis de 500.000 euros que completan os case 1,8 millóns que se investirán en total
Alberto Varela asegurou que esta biblioteca "vai a permitir que a cultura en Vilagarcía estea á altura do século XXI". O alcalde asinou este martes o convenio para financiar estas obras xunto á presidenta da Deputación, Carmela Silva.
"Hoxe hai outra Vilagarcía", destacou Silva sobre unha transformación integral da cidade "que é máis que sorprendente" e que avanza con este "potentísimo e necesario" proxecto da nova biblioteca que vai permitir garantir o acceso a cultura a toda a veciñanza.
A actuación para reformar a antiga sede do Liceo Casino suporá, na práctica, a construción dunha nova biblioteca ante o estado de deterioro do edificio.
Así, modificarase a fachada actual por un sistema de fachada ventilada con maior illamento térmico e acústico e substituirase a carpintería por unha con rotura de ponte térmico e vidros illantes. Impermeabilizaranse tamén as terrazas, instalaranse pavimentos de granito silvestre nos accesos e de caucho e resina nos aseos, almacéns e o depósito pechado.
O proxecto tamén contempla a demolición dos tabiques para unha distribución de espazos máis abertos e interrelacionados, aproveitando a luz natural.
En canto á distribución, o acceso á biblioteca será pola antiga entrada ao Liceo Casino, haberá novas escaleiras e instalarase un ascensor adaptado.
O antigo salón, de dobre altura, será sala de lectura e a parte inferior da galería dedicarase a depósito aberto, con estantes entre as dúas liñas de pilares que a sosteñen.
Terá unha biblioteca infantil separada da hemeroteca pola terraza e aí estarán tamén as oficinas de administración, dirección e unha zona de ordenadores con acceso a Internet.
Finalmente, a zona central, que era a antiga cafetería, dedicarase a depósito aberto. Haberá espazo de almacenamento, instalacións e aseos.
A actuación completarase co mobiliario que inclúe estantes, mesas e bancos.
Relacionadas:
-
Polo Día do Libro, Vilagarcía estreará biblioteca
Por Redacción |
-
Adxudicada a Obras Gallaecia a construción da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A Deputación mobiliza 1,2 millóns de euros en recursos que beneficiarán oito municipios
Por Oskar Viéitez |
-
A concesión de 1,2 millóns euros da Deputación permite a acelerar o proxecto da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A nova biblioteca municipal de Vilagarcía custará 1,8 millóns de euros
Por Redacción |