Adxudicada a Obras Gallaecia a construción da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía adxudicou á empresa Obras Gallaecia S.L. a realización dunha das obras "más necesarias e esperadas na cidade", a Biblioteca Municipal nos locais da Rúa Castelao adquiridos previamente ao Liceo-Casino.
Será este luns 16 de maio cando se complete o proceso de licitación desta obra, que custará 1.648.266 euros (IVE incluído), o que supón unha rebaixa de 119.776 euros respecto ao prezo inicial de licitación. Unha vez presentada a debida documentación e se asine o contrato, a adxudicataria disporá dun prazo de 12 meses para finalizar a obra.
Esta empresa foi a escollida das 14 que se presentaron, catro foron excluídas por incumprimentos de requisitos ou baixas temerarias nos prezos ofertados e, das dez restantes, Gallaecia obtivo a maior puntuación polas melloras ofertadas.
Coa execución desta obra, que o Concello considera "unha das máis importantes do mandato", Vilagarcía disporá "dunha biblioteca propia do século XXI, digna dunha cidade que rolda os 40.000 habitantes". Será "moderna, cómoda e funcional, con todos os servizos que precisan e demandan os usuarios e cun moderno equipamento cultural que será eficiente enerxéticamente, na liña dos obxectivos da Axenda 20-30".
O arranxo do continente propiamente dito, centrará a primeira parte dos traballos e incluirá o cambio da fachada actual por un sistema de fachada ventilada con maior illamento térmico e acústico. Tamén substituirán a carpintería por unha con rotura de ponte térmico e vidros illantes, impermeabilizarán as terrazas, instalarán pavimentos de granito silvestre nos accesos e de caucho e resina nos aseos, almacéns e depósito pechado. O proxecto tamén contempla a demolición dos tabiques para unha distribución de espazos máis abertos e interrelacionados, aproveitando a luz natural.
Unha vez rematado isto, adaptarán os locais ao novo uso público e cultural que se lle vai dar. Haberá novas escaleiras e instalarase un ascensor adaptado; antigo salón, de dobre altura, será sala de lectura; a parte inferior da galería a dedicarán a depósito aberto, con estantes entre as dúas liñas de piares que a sosteñen. Terá hemeroteca e contará con oficinas de administración, dirección e unha zona de ordenadores con acceso a Internet. Finalmente, a zona central (antiga cafetería) estará dedicada tamén a depósito aberto. Haberá espazo de almacenamento, instalacións e aseos e, finalmente, completarán a actuación o mobiliario que inclúe estantes, mesas e bancos.
Relacionadas:
-
Polo Día do Libro, Vilagarcía estreará biblioteca
Por Redacción |
-
Unha biblioteca coa que Vilagarcía quere "estar á altura do século XXI"
Por Redacción |
-
A concesión de 1,2 millóns euros da Deputación permite a acelerar o proxecto da nova biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
A nova biblioteca municipal de Vilagarcía custará 1,8 millóns de euros
Por Redacción |