O goberno local lembra que todos os vilagarciáns "puxeron 475.000 euros para axudar a salvar o Liceo Casino"
Por Redacción
As acusacións de Borja Santamaría, presidente do Liceo Casino, contra un socio e o alcalde de Vilagarcía recibiron a resposta desde Ravella. O Concello indica que o convenio polo que se facilitará un local para que as persoas socias desta entidade sigan realizando as súas actividades será público e asinarase con quen presida a sociedade nese momento, unha vez que se faga efectiva a toma de posesión da actual sede e comecen as obras da biblioteca.
Desde o goberno local expoñen que o acordo se realizará co Liceo Casino e non con "ningunha asociación que poida estar a utilizar nese momento as súas instalacións", en clara referencia a Arousa Moza, colectivo que tamén preside Borja Santamaría.
O goberno indica que, tras a adquisición da sede de Castelao polo Concello houbo varias reunións entre representantes municipais e a directiva da entidade para abordar o futuro. Nunha desas reunións, afirman, asistiu o actual presidente; mentres que ás demais acudiu un directivo acompañado polo avogado do Liceo Casino. Segundo expón o goberno local, ese directivo - ata onde saben - informaba puntualmente o presidente de canto se falaba nesas citas. Por este motivo alegan que as reunións "moi secretas non parecen" como acusaba Borja Santamaría.
Convidan, ademais, a que as discrepancias entre directivos e socios do Liceo Casino "deberán tratarse internamente, entre outras cousas porque unha entidade con máis dun século de traxectoria detrás non se merece estar a pasar por un dos seus momentos máis difíciles desta maneira". Lembran que o goberno do alcalde Alberto Varela foi consciente do significado do Liceo Casino para a cidade e por iso alcanzouse o acordo para adquirir a sede cunha cantidade económica de 475.000 euros, entre a compra e a condonación de débeda, "que asumiron todos os vilagarciáns".
Ademais destacan que para manter vivo este patrimonio reconverteuse a gran biblioteca destinando 1,5 millóns de euros de fondos propios, ademais de xestionando outras vías de financiamento con fondos de recuperación da Deputación de Pontevedra. O goberno local indica que esperan que as obras se inicien dentro de poucos meses e ofrecerase, atendendo ao compromiso alcanzado, unha alternativa para local social ao Liceo Casino, cuestións que se negociaron cos seus representantes durante estas reunións, aclaran.
Advirten que non queren entrar en polémicas co presidente e confían en que esas discrepancias internas da entidade non deriven nunha utilización política da crise da sociedade de recreo. Conclúen o manifesto sinalando que "para o goberno local, quen dirixe actualmente o Liceo Casino pode recorrer aos tribunais porque está no seu dereito, pero antepoñer os insultos ás razóns non parece ser a mellor decisión para iniciar ese camiño".