Marín contratará 24 persoas para vixiar as súas praias no verán
Por Redacción
O Concello de Marín contará, un ano máis, con servizo de vixilancia e socorrismo en cinco das súas praias. Trátase das catro que teñen Bandeira Azul, Portocelo, Mogor, Aguete e O Santo, ás que se suma tamén o areal de Loira.
Segundo informou o goberno municipal, serán 24 as persoas que integrarán este servizo, entre as cales haberá 20 socorristas, tres patróns de embarcación e un coordinador.
Para financiar estas contratacións, Marín solicitou unha subvención á Xunta de Galicia que ascende a 109.757 euros.
De forma paralela, e debido ás dificultades que houbo o pasado ano para atopar persoal cualificado, os concellos de Marín e Bueu decidiron organizar un curso de formación, a través do Grupo de Acción Local Pesqueira.
Unha vez terminada a parte teórica, comezaron as prácticas nas que participan trece futuros socorristas, que están a recibir formación en natación, prevención de accidentes, rescate de accidentados e primeiros auxilios, entre outras cuestións.
As prácticas están a realizarse na praia de Portocelo, despois de gozar de dúas xornadas en Vilagarcía con embarcacións, quads e prácticas de mergullo.
O obxectivo deste curso, lembran desde o Concello, é proporcionar persoal acreditado que poida posteriormente participar na selección das praias que se necesitan e así poder ser capaces de contar con eles a finais do mes de xuño, xa operativos en todos os areais.
Relacionadas:
-
Os socorristas de Marín atenderon varios golpes de calor durante este domingo
Por Redacción |
-
Marín xa presume de bandeiras azuis
Por Redacción |
-
Marín ponse ao choio para arrombar as súas praias de cara o verán
Por Redacción |
-
Marín terá desfibriladores nas súas praias
Por Redacción |
-
Ao bo tempo socorristas nas praias de Marín... de probas
Por Redacción |
-
Marín e Bueu preparan 32 futuros socorristas para o verán
Por Antía Fernández Buján |