20 colectivos e 45 persoeiros da cultura, a arte e a educación asinan un manifesto contra as touradas
Por Redacción & Mónica Patxot
Un total de 20 colectivos sociais e culturais de Pontevedra e 45 persoeiros a título individual procedentes do mundo da cultura, da arte, do pensamento e da educación apoiaron coa súa sinatura un manifesto da plataforma Touradas fóra de Pontevedra para pedir a abolición das touradas na cidade do Lérez "e en calquera outra parte" e apelar ás diferentes administracións para que asuman unha posición abolicionista activa.
Vicky Estévez en representación de Touradas fóra de Pontevedra e o debuxante Kiko Dasilva en nome dos asinantes presentaron o manifesto este venres na Casa das Campás para tentar botar abaixo "os argumentos que tratan de defendelas como algo cultural ou artístico" e xa anunciaron que nos vindeiros días darán a coñecer a campaña de reivindicacións que porán en marcha este verán e que terán como colofón unha manifestación o sábado 13 de agosto.
"Cómpre dicir alto e claro que o cruel espectáculo e negocio das touradas non se pode tentar lexitimar apelando unha e outra vez, sen pasar pola peneira da crítica ética, ao feito de ser unha suposta tradición cultural e unha manifestación artística a preservar", manteñen os asinantes e, para darlle forza a este argumento, Kiko Dasilva botou man de dous nomes recoñecidos no mundo cultural, Castelao e o pintor Francisco de Goya.
De Castelao recordou Kiko Dasilva que nos debuxos do album Nós recuperados recentemente no Museo de Pontevedra figura un orixinal que representa a dúas persoas maiores presenciando unha tourada e un deles di: "Lástima de bois". De Goya asegurou que os seus cadros nos que representa a tauromaquia houbo moitas veces unha mala interpretación, pois consideraron estas obras como unha defensa das touradas cando, en realidade, "está considerado un dos primeiros abolicionistas".
O manifesto tamén quere reivindicar que no caso de Galicia "carece de sentido defender as touradas como unha tradición que fai parte do entramado cultural", pois son anecdóticas as referencias a espectáculos de tauromaquia antes de finais do século XIX en Galiza. Ao contrario, sosteñen que un intelectual galego da Ilustración como Martiño Sarmento sinalaba no século XVIII que "no noso país as touradas non tiñan o máis mínimo predicamento popular".
De todas as maneiras, sosteñen que aínda que efectivamente as touradas fixesen parte da tradición cultural, "isto non as libraría de seren sometidas ao filtro da ética", posto que as tradicións non se poden defender en base, simplemente, ao feito de seren algo tradicional, algo repetido no tempo. "Podemos ollar cara outro lado perante unha actividade baseada na crueldade máis gratuíta contra un animal porque esta sexa unha tradición? Consideramos que non", sostén o manifesto.
Colectivos asinantes
Aula Castelao
Cineclube
Liceo Mutante
A.C. 105 Besos
Amig@s da Cultura
Observatorio dos Medios Galegos
Queremos Galego Marim
AC Almuinha
Mr Xestión Cultural
Vórtex
Os Chichisos
Querido Extraño
Solfabirras
The Soul Breakers
Isanda
Maravallada
Desconcerto
Que desilusión!
Gold and Colt
Demodeus
Flying Carpet
Apoios individuais
Kiko Dasilva (debuxante)
Xesús Constenla (profesor e escritor)
Alfonso Díaz "Foni" (profesor)
Lucía Novas (profesora e poeta)
Carlos Solla (profesor e escritor)
Luís Rei (escritor)
Diego Santório (profesor)
Ángeles Castro Fragueiro (profesora)
Ana Seoane (artista e profesora)
Pilar Novelle (profesora)
Susana Ferradás (profesora)
Pablo Carro González (profesor)
Jo ão Bieites (profesor e músico)
Benito Andrade (profesor)
Xosé Manuel Albán (fotógrafo e xornalista)
Davide Salvado (músico)
Rodrigo Valiente (músico)
Sergio Portela (escultor)
Manuel Pérez Lourido (escritor)
Pedro Gago Cortegoso (activista cultural)
Mayka Braña (actriz)
Olga Vázquez Quintáns (profesora)
Míriam Cidrás (artista, deseñadora, profesora)
Lara Abeledo (fotógrafa)
Guille L. Malkeda (músico)
Cora Sayers (música)
Susana Trigo Arcos (profesora)
Dany Moure (músico)
Sara Valenzuela Viz (profesora)
María del Carmen González Novoa (profesora)
Josefa Bargiela Lemos (profesora)
Josefa Sequeiros Loira (profesora)
Rosario Valcárcel Mato (profesora)
Iria Morgade Valcárcel (escritora)
Adrián Morgade Valcárcel (ilustrador)
Firmino Martínez (profesor)
Elisabeth Oliveira (escritora)
María del Mar Rodríguez Caldas (profesora de Belas Artes e artista)
Paula Pereira (artista e artesá)
Juan Fernando de Laiglesia González (catedrático de Belas Artes)
Marina Núñez (artista e profesora de Belas Artes)
Xoán Paredes (profesor e ativista cultural)
Xoán Anleo (artista e profesor de Belas Artes)
Rosa Elvira Caamaño (profesora de Belas Artes)
Pontevedra pola cultura, a arte e a ética
As persoas que asinamos este manifesto, profesorado, artistas de diversas disciplinas e representantes do asociacionismo cultural pontevedrés, queremos facer público co mesmo o noso posicionamento en favor da abolición das touradas, actividade coa que por desgraza aínda temos que convivir na nosa cidade en pleno ano 2016.
E decidimos facelo porque cómpre dicir alto e claro que o cruel espectáculo e negocio das touradas non se pode tentar lexitimar apelando unha e outra vez, sen pasar pola peneira da crítica ética, ao feito de ser unha suposta tradición cultural e unha manifestación artística a preservar.
En primeiro lugar, e cando menos no caso galego, carece de sentido defender as touradas como unha tradición que fai parte do entramado cultural de unha comunidade humana dada, neste caso a galega. Son anecdóticas as referencias a espectáculos de tauromaquia antes de finais do século XIX en Galiza. Moi ao contrario, un intelectual galego da Ilustración como Martiño Sarmento (tan ligado a Pontevedra) sinalaba no século XVIII, desde unha postura contraria á tauromaquia, que no noso país as touradas non tiñan o máis mínimo predicamento popular.
Mais o que e máis importante, aínda que efectivamente as touradas fixesen parte da nosa tradición cultural, isto non as libraría de seren sometidas ao filtro da ética posto que as tradicións non se poden defender en base, simplemente, ao feito de seren algo tradicional, algo repetido no tempo.
Tradicionais foron no seu momento fenómenos culturais felizmente superados e tradicionais son prácticas ou actividades que, por desgraza, aínda non foron erradicadas aquí ou en moitas outras partes do mundo. Se pretendemos construír unha sociedade cada vez máis libre e solidaria, nada do que fagamos pode librarse dunha valoración ética e racional, ningunha práctica pode pretender estar fóra de cuestionamento apelando á "tradición".
Podemos ollar cara outro lado perante unha actividade baseada na crueldade máis gratuíta contra un animal porque esta sexa unha tradición? Consideramos que non. Ningunha práctica que nos alonxe dun comportamento máis empático e ético, xa for cos demais seres humanos ou coa natureza, pode estar xustificada e aínda menos ser legal. Baste con lembrar que a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais da UNESCO recolle no seu artigo terceiro que "ningún animal será sometido nin a maos tratos nin a actos crueis".
Outro dos recursos habituais no intento de lexitimación das touradas, enlazado habitualmente co anterior, é o da súa consideración como vehículo de expresión artística e estética, buscando a súa igualalas coa música, a pintura, a literatura ou calquera outra manifestación. Deste xeito, en defensa da tauromaquia proclámase que esta é "un drama", exáltase a súa parafernalia estética ou acódese á suposta autoridade de intelectuais e artistas defensores e defensoras das touradas ao longo da historia ou que simplemente as recollesen na súa obra.
Certamente é difícil definir o que é arte e o que non o é, máis negámonos a considerar como unha expresión da creatividade humana tal exemplo de comportamento cruel e brutal, e negámonos a aceptar que a arte sexa empregada como escudo dun negocio que só debería causar vergoña. Por moito que queiran, non, a tauromaquia non se pode equiparar a Virginia Woolf, a Luís Seoane, a Aretha Franklin ou a Akira Kurosawa...
Nós, como persoas vinculadas aos espazos da cultura, do pensamento, da educación e da arte e como mulleres e homes que pulamos por unha sociedade rexida pola ética, a empatía e a razón, queremos facer público o noso rexeitamento ás touradas, en Pontevedra e en calquera outra parte, e facemos un apelo ás diferentes administracións para que asuman unha posición abolicionista activa.
A tortura non é arte nin cultura!
Relacionadas:
-
Antitaurinos saen á rúa na manifestación máis numerosa en sete anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Colectivos antitaurinos quentan motores para a manifestación do 13 de agosto cun acto político
Por Redacción |
-
Touradas fóra de Pontevedra 'ficha' á actriz Mayka Braña para a súa manifestación do 13 de agosto
Por Redacción |
-
Piden aos políticos a súa presenza na protesta antitaurina
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan unha mobilización antitouradas coincidindo coa celebración da Feira da Peregrina
Por Redacción |
-
Animalistas lamentan que o BNG goberne para a "minoría taurina"
Por Redacción |
-
82.000 firmas en Change.org non farán que o Concello renuncie o contrato coa praza de touros
Por Redacción |
-
Propoñen non pagar impostos municipais se continúa o convenio taurino
Por Oskar Viéitez |
-
Propoñen un "referendo municipal" sobre o convenio da praza de touros
Por Oskar Viéitez |