Propoñen non pagar impostos municipais se continúa o convenio taurino
Por Oskar Viéitez
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas lanzou este luns unha orixinal proposta para presionar ao Concello de Pontevedra a non renovar o convenio taurino que mantén practicamente intacto nos seus mesmos termos desde o ano 2000, a través da chamada "desobediencia fiscal".
Os abolicionistas queren que os pontevedreses mostren a súa oposición a un acordo económico que "enguliu" 700.000 euros para financiar o aluguer da praza de touros local uns poucos días cada ano, que adoitan estar relacionados coa actividade representativa da Feira Franca, o aloxamento de animais empregados na Cabalgata de Reis ou idéntico uso durante unha concentración cabalar que se realiza tamén de forma anual.
Por todo iso, o consistorio destinou case 48.000 euros das arcas municipais en 2015.
PASARÓN
Neste sentido a plataforma pregúntase por que desde o Concello non se realizaron probas de uso e aforamento no Estadio Municipal de Pasarón, "ao que se lle poderían colocar materiais específicos sobre o céspede e mesmo area para non deterioralo e poder ser empregado durante a Feira Franca", suxiren.
Tampouco entenden os abolicionistas a xustificación de uso dunha praza de touros propiedade dos mesmos promotores taurinos que organizan a Feira da Peregrina.
Coa proposta de protesta impositiva, a coalición cuestiona que os impostos locais sirvan para "seguir engordando" as contas bancarias do "lobby taurino", segundo afirman "o grupo de presión que realmente sae beneficiado do acordo de uso do coso de San Roque".
A fórmula empregada chámase "pago baixo protesta". No momento de realizar o pago dos impostos rexístrase unha queixa por escrito onde se mostra a desconformidade co uso de diñeiro público para, como neste caso, financiar un convenio taurino.
O portavoz de Galicia, Mellor Sen Touradas, Rubén Pérez, explica que "o Concello de Pontevedra non ten ningunha autoridade moral para obrigar aos seus concidadáns para pagar impostos que máis tarde acabarán financiando un espectáculo no que se tortura e dar morte a un animal de forma salvaxe".
"Apelamos á conciencia para mostrar o noso rexeitamento co emprego do diñeiro de todas e todos para o gozar dos malos tratos cara aos animais como macabra forma de lecer. Cremos que os 48.000 euros que actualmente financian o convenio poderían ser mellor empregados en partidas sobre dependencia ou en axudas para familias con poucos recursos con menores en idade escolar", conclúen.
Relacionadas:
-
20 colectivos e 45 persoeiros da cultura, a arte e a educación asinan un manifesto contra as touradas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O goberno local ampárase no Consello da Feira Franca para xustificar o convenio coa Praza de Touros
Por Redacción |
-
82.000 firmas en Change.org non farán que o Concello renuncie o contrato coa praza de touros
Por Redacción |
-
Piden por carta a Lores que convoque un referendo sobre o convenio taurino
Por Redacción |
-
O Concello solicitou retirar unha fotografía dos Reis Magos na praza de touros
Por Marisa Ciordia |
-
Piden a Lores que tome nota do 20-D e finiquite o convenio taurino
Por Redacción |
-
Propoñen un "referendo municipal" sobre o convenio da praza de touros
Por Oskar Viéitez |