82.000 firmas en Change.org non farán que o Concello renuncie o contrato coa praza de touros
Por Redacción
Máis de 82.000 firmas piden a través de Change.org que o Concello de Pontevedra non renove o contrato coa praza de touros, polo que o goberno municipal achega anualmente uns 40.000 euros a cambio de poder utilizar o recinto para actividades varias.
Pero a pesar dese rexeitamento, xa se están redactando os pregos para renovar este acordo, segundo avanzou a alcaldesa en funcións, Carme da Silva.
O goberno municipal tentará rebaixar esa cantidade, pero non pensa renunciar a un contrato que, segundo Da Silva, non é máis que un aluguer cunha empresa para utilizar unha instalación da súa propiedade e que é o "lugar adecuado" para eventos como a Feira Franca.
Desde o Concello insisten en que non se financian os touros porque "o BNG sempre estivo en contra" como demostran, dixo, as protestas que os nacionalistas sufriron no seu día "porque retiramos todo o apoio do Concello ás touradas".
É a resposta do goberno municipal á entrega desas 82.000 firmas que, a través do rexistro do Concello, a asociación Galicia mellor sen touradas presentou este mércores. O portavoz deste colectivo, Rubén Pérez, estivo acompañado do concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, que avanzou que o seu partido volverá presentar unha moción no pleno para que non se renove este contrato.
Usar a praza "só para a Feira Franca" non é rendible, segundo Rei, quen instou ao BNG a ser "coherentes" e manter a súa postura a non financiar a actividade dos touros nin directa nin indirectamente.
A reivindicación de Galicia mellor sen touradas recóllese en dous valos publicitarios que se colocarán en dous puntos da cidade de Pontevedra e que foron financiadas a través dunha campaña de micromecenazgo por Internet.
Relacionadas:
-
Marea Pontevedra insta o Concello a usar a praza de touros gratis durante o mes da Feira Franca ao ser copropietario
Por Anxo Lourido |
-
Antitaurinos saen á rúa na manifestación máis numerosa en sete anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
20 colectivos e 45 persoeiros da cultura, a arte e a educación asinan un manifesto contra as touradas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Animalistas lamentan que o BNG goberne para a "minoría taurina"
Por Redacción |
-
Poñen en marcha unha campaña de 'crowdfunding' para pagar dous valos publicitarios antitaurinos
Por Redacción |
-
Propoñen non pagar impostos municipais se continúa o convenio taurino
Por Oskar Viéitez |
-
Piden por carta a Lores que convoque un referendo sobre o convenio taurino
Por Redacción |