Atopan ilustracións desaparecidas do álbum 'Nós', que se verán na nova mostra sobre Castelao
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A última vez que se puideron ver en público foi nunha exposición en 1924. A partir deste martes 27, as ilustracións que Alfonso Rodríguez Castelao realizou para o Álbum Nós mostraranse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Desde o ano 1930 perdéraselles a pista sobre o seu paradoiro e agora, despois dun traballo de investigación do equipo de técnicos do Museo, logrouse localizar á familia galega que é propietaria destes debuxos orixinais. Unha familia que, segundo expuxo o director do Museo Carlos Valle, quere quedar no anonimato e que contaba cun antepasado a quen Castelao tiña moito agarimo e por iso agasallouno con estas obras.
Estas estampas orixinais formarán parte da exposición 'Meu Pontevedra', que foi presentada polo director do Museo, acompañado polo deputado de Cultura, Xosé Leal e os comisarios Ángeles Tilve e José Manuel Castaño. Nesta mostra recóllense escritos, debuxos, ilustracións e pinturas do artista entre 1916 e 1936.
Desta forma, unha sala recollerá a relación do autor coa cidade e co ambiente cultural no que foi integrándose cando chegou para exercer como funcionario do Instituto de Estatística. As outras salas acollen a faceta literaria do autor e a de caricaturista. Entre outras obras recóllese o Diario de 1931 cun repaso ás súas viaxes a Francia, Bélxica e Alemaña.
Pontevedra foi a cidade onde Castelao pasou máis tempo durante toda a súa vida e aquí integrouse en Irmandades da Fala, ademais de colaborar co Seminario de Estudos Galegos, coa Coral Polifónica e coa Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra.
'Meu Pontevedra' inaugúrase este martes 28, día do plebiscito do estatuto de autonomía de 1936 e permanecerá aberta ata o 11 de setembro.
Relacionadas:
-
O Museo reestrutura as Salas Castelao para expoñer os orixinais do Álbum Nós
Por Redacción |
-
Ponlle cara a famosos escritores no Sexto Edificio do Museo!
Por Redacción |
-
Carlos Valle, sobre 'Meu Pontevedra': "Despois destas exposicións nace un Castelao distinto"
Por Cristina Saiz & Natalia Puga |
-
Máis de 4.300 persoas visitaron a exposición 'Meu Pontevedra' de Castelao no seu primeiro mes
Por Redacción |
-
Un cento de funcións teatrais para celebrar o Ano Castelao
Por Mónica Patxot |
-
Inauguran "Meu Pontevedra", a exposición que rememora os anos de Castelao na cidade
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A Coral Polifónica de Pontevedra homenaxea a Castelao cun concerto
Por Redacción |
-
A exposición sobre o centenario das Irmandades da Fala chegará a Pontevedra en setembro
Por Redacción |
-
Os primeiros anos do Castelao artista, no Museo de Pontevedra ata xuño
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |