O Concello de Poio baixa un 5% o imposto de circulación e a taxa dos vaos
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, anunciou este venres a primeira baixada de impostos e taxas do novo Goberno para este mandato "e, como mínimo, tamén dos últimos 20 anos".
Será no imposto de circulación ou viñeta e na taxa dos vaos, que en ámbolos dous casos reducirán un 5% os recibos dos veciños. E os impostos que aínda non se rebaixan se conxelan, é dicir, non se aplica a subida do IPC.
"Este goberno é coherente e responsable. Despois de moitos anos de falsas promesas, estamos no mandato dos feitos", sinalou o alcalde. "É un día histórico para Poio", dixo.
Nunha comparecencia celebrada este venres Ángel Moldes destacou que "segundo nos comentan os técnicos municipais, non recordan que houbera outra diminución de impostos ou taxas neste concello".
O rexedor puntualizou que "é certo que en 2015 minorouse o tipo impositivo da plusvalía do 23 ao 20%, pero en realidade foi unha compensación porque subiron as porcentaxes dos tramos por anos. Así pois, estamos nunha etapa nova, nun claro momento de cambio".
Moldes incidiu en todo momento que esta é a primeira de baixas graduais de impostos e taxas que realizarán este mandato xa que "queremos que os nosos veciños teñan uns impostos xustos, que deixen de pagar os recibos máis caros da provincia, e por iso, no primeiro semestre desde que collemos o Goberno, facemos xa realidade esta primeira baixada. Empezamos a cumprir o noso compromiso".
Como exemplo, indicou que Poio tiña o vao máis caro da provincia, con excepción dunha rúa da cidade de Vigo.
Ademais, explicou que irán baixando impostos e taxas de forma gradual durante este mandato "para non comprometer a prestación de servizos municipais esenciais".
O alcalde lembrou que "a herdanza económica do concello é complexa, porque aínda que os veciños estaban pagando uns dos recibos máis caros de Galicia", no anterior goberno municipal "sumiron ao concello nunha situación económica moi preocupante que está comprometendo a nosa acción de goberno e as nosas decisións, que debemos tomar con responsabilidade e cautela".
Moldes destacou que "si sendo o concello con máis débeda da provincia, con máis de un millón de euros en facturas sen pagar e partidas esgotadas nos orzamentos somos capaces de anunciar esta primeira baixada, estamos deixando claras cales son as nosas intencións".
Polo tanto, "aínda que para o Concello de Poio supoña un grande esforzo este plan de baixadas de impostos e taxas", o certo é que este Goberno "é coherente e queremos facer no Goberno o que reclamamos na oposición".
Para contrarrestar esta diminución de ingresos, recordou que xa están aplicando na súa xestión "control de gasto e eficiencia. Non se pode gastar o dobre de cartos que hai nos orzamentos, e faremos moito máis con menos recursos".
Relacionadas:
-
O PP aproba o orzamento de 14,7 millóns de euros para o 2024 en Poio
Por Redacción |
-
O BNG de Poio destaca o "espírito construtivo" das emendas que presenta aos orzamentos municipais
Por Redacción |
-
Convocado o consello veciñal de Poio para participar na elaboración dos orzamentos municipais
Por Redacción |
-
O PP de Poio responde ás críticas do PSOE polos impostos afeándolle o seu "despilfarro" no goberno
Por Redacción |
-
O PSOE de Poio acusa o alcalde de querer tapar as súas falsidades cunha "irrelevante" baixada de impostos
Por Redacción |
-
O plan de usos de Tambo contempla un anfiteatro e a recuperación dos edificios para celebrar congresos
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local destaca o aforro no custo desta edición da Festa do Mar de Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
Poio aposta por unha programación de Nadal "pensado para devolver a ilusión por estas festas"
Por Redacción |
-
Preparan tres novos aparcamentos disuasorios en San Salvador para preto de 200 turismos
Por Redacción |