Reactivan os obradoiros de prevención de condutas adictivas
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de activar os obradoiros de prevención de condutas adictivas, de uso abusivo de novas tecnoloxías e de consumo de alcol e tabaco no ámbito escolar ao abeiro do programa “Prevención+”, que se desenvolve desde o ano 2007 conxuntamente con outros concellos da bisbarra do Umia como Portas, Campo Lameiro, Cuntis e Barro.
É a edición número 17 desta iniciativa que se leva a cabo a través dun convenio de colaboración e grazas ao confinanciamento da Consellería de Sanidade.
No caso de Moraña desenvolverase no CPI Plurilingüe Santa Lucía e orientarase a alumnos de sexto curso de Educación Infantil e os demais estudantes de Educación Primaria e ESO.
Así, ao longo do curso escolar, celebraranse actividades e obradoiros de prevención de condutas adictivas nos que se traballarán importantes factores de protección que reducen os riscos psicosociais na xuventude, como os hábitos saudables, as habilidades sociais, as accións de rexeitamento, a autoestima ou a intelixencia emocional, entre outros. Ademais, tamén se traballará sobre os mitos e os riscos asociados ao uso de novas tecnoloxías e ao consumo de tabaco, alcol e otras drogas.
Paralelamente, estas actividades reforzaranse con obradoiros destinados ás familias e con campañas de información e sensibilización de condutas adictivas para impulsar a aposta pola promoción de hábitos saudables e a prevención destes abusos entre a súa veciñanza e, en especial, entre a mocidade.