Este martes é o Día Galego sen Tabaco
Por Redacción
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en colaboración co voluntariado da Asociación Española contra o Cancro (AECC), celebra este martes 31 de outubro, o Día Galego sen Tabaco coa instalación de mesas informativas nos hospitais Montecelo, Provincial, no do Salnés, así coma en cinco centros de Atención Primaria (o pontevedrés de Virxe Peregrina, así coma o de Marín, San Roque en Vilagarcía de Arousa, O Grove e Baltar en Sanxenxo).
Deste xeito, entre as 10:30 e as 13 horas de mañá martes disporáse de cadernos de anotacións en cada una das mesas informativas para que os usuarios interesados poidan acollerse a programas ou consultas de deshabituación tabáquica tanto na contorna do SERGAS, a través da consulta do Servizo de Neumoloxia, coma nas delegacións da Asociación Española contra o Cancro.
O tabaquismo é unha problemática que transcende fronteiras e afecta a persoas de todas as idades e condicións sociais. Ademais dos graves riscos para a saúde individual, o tabaco supón unha carga económica e social significativa para a nosa comunidade.
O Plan Inspira Saúde, cun horizonte de actuación a 2027, marca o rumbo das actividades que se van implantar en Galicia nos vindeiros anos. Estas vanse desenvolver en cinco niveis diferentes: a prevención para evitar o inicio do consumo de tabaco, a promoción da cesación do consumo, o diagnóstico precoz e as vías rápidas para aquelas patoloxías relacionadas co consumo e coa exposición pasiva, a vixilancia epidemiolóxica e a xestión do coñecemento.
En Galicia, nos homes, o 33,5 % da mortalidade atribuíble ao tabaco é debida ao cancro de pulmón e o 19,6 % á enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC). Nas mulleres, o 35,7 % da mortalidade atribuíble ao tabaco débese ao cancro de pulmón, e o 19,4 % á EPOC.
O obxectivo do programa Inspira Saúde é a diminución progresiva da prevalencia do consumo de tabaco diario na poboación adulta, ata chegar a un 15% no 2027, así coma baixar do 5% na poboación adolescente ao final do período de execución do plan.