A Ruta dos Muíños de Samieira e a senda do Laño, candidatos ao distintivo de sendeiro azul
Por Redacción
O Concello de Poio presentou a candidatura para alcanzar a distinción de sendeiros azuis para a Ruta dos Muíños de Samieira e a senda do Laño.
De conseguilo, duplicaríanse no municipio os roteiros con este recoñecemento como aposta da posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico.
A Ruta dos Muíños de Samieira conta cunha distancia de 5,5 quilómetros entre ida e volta, cunha dificultade baixa, espazo no que se reparten ata 23 muíños ao longo do río Freiría. Todo iso cun percorrido acondicionado e con zonas acondicionadas para o descanso.
Pola súa banda o carreiro do Laño ten o seu inicio no peirao de Covelo, cunha lonxitude total de 1,2 quilómetros percorrendo a costa de Samieira pasando por pequenas praias entre zona arborizada.
Estas dúas propostas únense ás consolidades no sendeiro litoral de Poio e na Variante Espiritual do Camiño Portugués ao seu paso polo municipio.
Segundo explica o Concello de Poio, os criterios nos que se basean os Sendeiros Azuis para poder obter a distinción son aspectos como a información, sinalética e infraestruturas para a xestión de residuos; a conservación e xestión do patrimonio natural e cultural; e tamén a accesibilidade, a mobilidade e o desenvolvemento de actividades de educación ambiental.
Por ese motivo as candidaturas presentadas inclúen a instalación de postos informativos con datos sobre os muíños, a súa historia e funcionamento, outro coa lenda das campás de Samieira e tamén coa flora e fauna do lugar, mentres que en Laño os paneis darán información sobre a ría de Pontevedra, sobre as bateas e a súa historia e sobre as vistas da franxa costeira que se poden contemplar.
Relacionadas:
-
Un coche provoca danos na senda peonil de Laño
Por Diego Espiño |
-
Domingo de paseo en Laño para poñer en valor os sendeiros azuis
Por Redacción |
-
As praias de Agra, Areas, Silgar, Canelas e Montalvo contarán con pasarelas novas
Por Redacción |
-
Medra o rueiro de Poio coa incorporación do camiño da Revolta, en Chancelas
Por Redacción |
-
Poio suma o seu segundo sendeiro azul, a Variante Espiritual do Camiño Portugués
Por Redacción |