De Sanxenxo ao planeta vermello, guiados por Fernando Abilleira
Por Redacción
O enxeñeiro aeroespacial da NASA, Fernando Abilleira, que recibirá o próximo 4 de setembro a Cebola de Ouro 2023, aproveitará este recoñecemento para protagonizar este venres un relatorio no salón de plenos do Concello de Sanxenxo.
A charla, titulada "De Sanxenxo ao Planeta Vermello", levará aos asistentes a unha viaxe a través da historia da exploración de Marte e o seu impacto nas nosas vidas, así como ao próximo gran obxectivo da Nasa, a recollida de mostras do planeta vermello para o seu estudo na Terra.
Abilleira, con vínculos familiares con Sanxenxo, conta cunha brillante carreira, especializada nas viaxes de exploración a Marte. Leva traballando para a NASA desde o ano 2004 e deu soporte a múltiples misións e estudos relativos ao planeta vermello.
Durante a súa traxectoria, o enxeñeiro pontevedrés participou con éxito nos equipos que fixeron aterrar diferentes robots sobre a superficie de Marte para estudar o planeta, a última delas en febreiro de 2021.
Esta misión, que guía ao rover Perseverance, ten como obxectivo investigar a posible habitabilidade do planeta, buscar sinais de vida pasada, e almacenar as mostras máis relevantes para o seu posible retorno á Terra a través dunha misión futura.
Na actualidade, Fernando Abilleira dá soporte como director de deseño ao proxecto da NASA e a axencia espacial europea para aterrar un rover en Marte, non antes do 2030, o cal tomará mostras do subsolo nas que se buscará material orgánico.
Relacionadas:
-
Por Santa Rosalía, regresa a Feira da Cebola, este ano con 44 postos
Por Redacción |
-
Un showcooking e ambientación musical como preámbulo da Feira da Cebola
Por Redacción |
-
Cambio de localización para a conferencia 'De Sanxenxo ao planeta vermello', de Fernando Abilleira
Por Redacción |
-
As Cebolas de Ouro 2023 son para a doutora Adriana Nieva e o enxeñeiro da NASA Fernando Abilleira
Por Redacción |
-
Pontevedra recibe a moeda conmemorativa da recente 'Misión a Marte'
Por Redacción |
-
A chegada do Perseverance a Marte, todo un éxito con 'selo pontevedrés'
Por Alejandro Espiño |
-
Longas colas para asistir á conferencia do enxeñeiro da NASA, Fernando Abilleira
Por Mónica Patxot |