Éxito das ludotecas de verán
Por Oskar Viéitez
Os campamentos e ludotecas son unha fórmula para facilitar a conciliación das familias durante o verán, un éxito absoluto que ten garantida a asistencia de nenos
O verán é momento de xogos, de coñecer e interactuar con xente, de facer novos amigos e, sobre todo, de compartir momentos de lecer. Por iso, a programación das ludotecas de verán está composta de actividades para que a rapazada disfrute ao máximo das vacacións e da tempada estival.
MARÍN
Por exemplo, en Marín organizan saídas á Finca de Briz, visitas ás praias, xincanas e actividades lúdicas nos xogos acuáticos do Paseo Alcalde Blanco... Son moitísimas as actividades que se foron facendo durante o mes de xullo nos campamentos de conciliación e que seguirán ofertándose en agosto no Concello de Marín.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, recordou que este ano "fixemos un doble esforzo para poder ofertarlle ás familias de Marín este servizo durante o verán, que sabemos que é moi demandado en materia de conciliación, e duplicamos as prazas".
Neste sentido, en Mogor hai o dobre de nenos dos que había habitualmente, pasando de 25 a 51. Algo semellante ocorre no Sequelo, onde se pasa de 50 a 88 participantes.
Ademais de todas as actividades antes mencionadas, nos campamentos os pequenos da casa cultivan a parte máis deportiva, coas saídas multideporte que se organizan nos pavillóns ou ás visitas das escolas de kickboxing do municipio, ou incluso a tradición e a cultura unida ao ocio, grazas ás xornadas de xogos populares que se desenvolven da man da Asociación Gharaboto.
POIO
Os primeiros 25 participantes da Semana Máxica organizada polo Concello de Poio chegaron este luns a Samieira para gozar, ata o mércores, das actividades lúdicas que teñen preparadas, entre as que se inclúen xogos grupais e obradoiros, praia, excursións, moita diversión, veladas nocturnas e a aventura de durmir en acampada dúas noites fóra da casa.
É unha actividade gratuíta, subvencionada integramente pola Concellería de Mocidade e que está dirixida á rapazada de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO. Desenvólvese na escola de Tarrío, en Samieira, en dúas quendas. O segundo grupo chegará o mércores 9, e gozará ata o venres da actividade.
CERDEDO COTOBADE
No caso de Cercedo-Cotobade, o Concello destina preto de 30.000 euros a fomentar actividades estivais que permitan atender á cativada. Máis de 250 nenos se benefician das iniciativas de conciliación familiar e laboral postas en marcha polo Concello.
Este verán o municipio tamén acolleu a celebración dunha nova edición de Campalledo, organizado pola FANPA ademais dun campo de voluntariado internacional "Rural Influencers" que rematou este domingo 6 de agosto.
A gran demanda das ludotecas fixo que o Concello estirara ao máximo a capacidade de ocupación nas diversas quendas que se están a realizar ao longo do verán e que tiveron como epicentro aos lugares de Carballedo, Cerdedo e Tenorio.
RIBADUMIA
Tamén o servizo de conciliación do Concello de Ribadumia ofrece alternativas de entretemento e diversión á pequena veciñanza do municipio. Este verán, como novidade, ofreceuse un proxecto ocio-educativo baseado nas novas tecnoloxías, creatividade, innovación e experimentación.
Durante os días 3, 4 e 7 de agosto, a rapazada da Escola de Verán do Concello de Ribadumia cursou unha formación en robótica educativa e programación, con actividades de deseño e impresión 3D. Durante estas tres sesións, fíxose un percorrido básico formativo onde o alumnado experimentou unha posta en contacto elemental coas novas tecnoloxías para a creación e a innovación.
A formación levárona a cabo un total de 65 nenos de entre 8 e 12 anos, que asistiron a estas sesións de experimentación áxiles e estimulantes, onde realizaron pequenas prácticas de iniciación e experimentou con creacións máis complexas como a pilotaxe de drons.
Esta actividade enmárcase no proxecto ‘Núcleos Rurais Sostibles do Salnés’, cuxo obxectivo é a implementación de actividades culturais, educativas e divulgativas que dinamicen as contornas dos núcleos rurais de reducida poboación. Preténdese divulgar e xerar espazos de empoderamento cidadán a través da tecnoloxía, así como contribuír coa conciliación familiar e ofrecer unha alternativa atractiva de carácter ocio-educativo na etapa estival dos máis pequenos.
Relacionadas:
-
As ludotecas de verán facilitaron a conciliación de case 400 familias en Poio
Por Redacción |
-
Xogos de auga e moita diversión para despedir os campamentos de verán en Marín
Por Redacción |
-
Convidan aos nenos a converterse en vendimadores por un día
Por Oskar Viéitez |
-
A 'volta ao cole' pon fin á Escola de Verán de Ribadumia
Por Redacción |
-
Solicitan a colaboración veciñal co primeiro Encontro Tradicional Antón Fraguas
Por Redacción |
-
Combarro celebra unha nova Semana Cultural e Festiva do San Roque
Por Redacción |