Convidan aos nenos a converterse en vendimadores por un día
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra organiza este sábado 2 de setembro ás 11:30 horas no Castelo de Soutomaior un obradoiro infantil que permitirá aos cativos converterse en vendimadores por un día.
A actividade, que forma parte do programa "Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior", ten as prazas esgotadas. A proposta consistirá nun taller no que colleitarán os diferentes tipos de uvas e as pisarán para facer o mosto.
Desta maneira, os rapaces terán a posibilidade de recorrer os viñedos do Castelo e coñecer a fondo cales son todos os procesos que interveñen na elaboración dos caldos.
"Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior" é unha programación de 30 actividades con visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia.
Ademais a Deputación organizou ata este mes de agosto sesións de visitas guiadas todos os luns e os venres. Tamén se celebrarán versións temáticas por Samaín en outubro (para persoas adultas os venres e os sábados de todo o mes, e infantís os sábados e os domingos) e polo Nadal (do 6 ao 10 de decembro).
BARRO
Rematan as vacacións escolares de verán e con el dán remate as ludotecas municipais. É o caso do Espazo Concilia, no Concello de Barro, unha actividade que ten como fin para facilitar a conciliación laboral das familias de Barro, ao mesmo tempo que dá unha alternativa de ocio, aprendizaxe e relación social de calidade para as crianzas.
Esta volveu ser unha edición con récord de participación para a que se tiveron que ampliar o número de prazas dispoñibles para evitar que quedasen nenos sen praza. Así mesmo, unha vez iniciada xa a actividade e en pleno verán houbo que, por primeira vez, aumentar o número de vacantes dispoñibles para o mes de agosto.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández abraldes, mostrouse moi satisfeto polo éxito de participación desta actividade "un ano máis vemos como a participación aumenta, o que signfica que é unha actividade que funciona e que é moi necesaria para as familias".
BUEU
Tamén en Bueu remata a súa ludoteca. Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou o Concilia Bueu que se desenvolveu dende o 3 de xullo por parte da empresa de lecer Risotadas, que ofreceu actividades culturais, mentres que en agosto foi a cargo do club local Bueu Atlético Balonmán, que preparou obradoiros relacionados co deporte.
Os diversos obradoiros culturais, artísticos e deportivos tiveron lugar en varias localizacións, concretamente no CEIP Plurilingüe A Pedra e no Pavillón Municipal Pablo Herbello.