Xogos de auga e moita diversión para despedir os campamentos de verán en Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Cunha xornada de diversión nos xogos acuáticos do Paseo Alcalde Blanco despedíronse este xoves os campamentos de verán impulsados polo Concello de Marín para axudar a nais e pais a conciliar a vida familiar e laboral.
Este ano ofertáronse un total de 300 prazas, igual que a oferta do ano pasado, que supuxo duplicar as prazas fronte aos anos anteriores.
Así o destacaron a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, que visitaron no CEIP Sequelo aos nenos e nenas que pecharon por este ano estes campamentos de verán.
Este servizo, tal e como destacou a rexedora, "é unha ferramenta boísima e integral", xa que permite que os nenos socialicen e desenvolvan o seu lado máis creativo e que as familias poidan conciliar "nun momento complexo como é o verán".
Con estes campamentos, segundo o goberno municipal, logrouse cubrir unha parte importante da tempada estival, "ofrecendo ademais comodidade e facilidades para recoller aos pequenos e que estes poidan contar cunha ampla gama de actividades".
Agora xa só queda desexarlle a toda a rapazada unha moi feliz volta ao cole.