28M | O Goberno declara a urxente ocupación dos terreos afectados pola ampliación da EDAR de Paxariñas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes nunha visita a Combarro o acordo polo que se declara a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Paxariñas e actuacións en colectores.
Con esta declaración de urxencia acelerarase a expropiación forzosa dos terreos afectados para a realización desta actuación que será cofinanciada coa axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020.
Ademais tamén se declarou a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción do emisario submarino de Montalvo de maior diámetro de capacidade que o existente para que sexa capaz de descargar axeitadamente o caudal máximo de deseño da nova ampliación da EDAR de Paxariñas.
Con iso posibilitarase un funcionamento adecuado das instalacións existentes, que se dotan de maior capacidade e da adecuada tecnoloxía para garantir os obxectivos de vertedura tanto en período estival como no horizonte futuro, a eliminación dos actuais alivios non tratados na zona de Raxó-Samieira e a redución dos alivios sen tratamento en época de choiva.
Gómez Besteiro fixo estas declaracións no transcurso dun acto de apoio ao candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Poio, Gregorio Agís que aproveitou esta visita para informar o delegado do Goberno do estado da tramitación dalgúns proxectos, especialmente da senda litoral entre Combarro e A Seca, de máis de 1.000 metros de lonxitude e que daría continuidade á xa existente entre A Freixa e o areal da Ostreira, en Campelo.
Aínda que o proxecto é máis ambicioso e nese afán por recuperar todo o litoral do municipio, expón un proxecto para crear catro novas sendas que permitirán conectar Combarro co paseo do río Lérez ata a parroquia pontevedresa de Bora nunha senda continua.
Agís tamén explicou a súa intención de desenvolver un plan integral para rehabilitar boa parte do centro histórico de Combarro, unha das grandes xoias turísticas e patrimoniais da vila. Para facer realidade este proxecto, o PSOE ten previsto ampararse no marco das axudas do 1,5% Cultural, promovidas polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.
Ademais, Gregorio Agís tamén explicou o proxecto de obras de mellora da casa barroca de Combarro para corrixir a súa actual deterioración e que o Concello, nun convenio asinado coa Deputación, poña en valor o seu patrimonio histórico e cultural convertendo esta peza arquitectónica nun recurso turístico e museográfico.
Pero o alcaldable socialista non se detivo aquí e seguiu con outros proxectos en marcha como a cesión de dous locais por parte de Combarromar, a firma concesionaria do Porto Deportivo para habilitar unha Oficina Municipal de Turismo, o proxecto de mellora do trazado do vial entre Casalvito e Padrón, ou o proxecto para impulsar a mellora da seguridade viaria e de servizos no lugar de Chancelas, tamén na parroquia de Combarro.
Segundo Agís estos proxectos "garanten que Poio continúe medrando e asentándose como un concello cunha calidade de vida de primeiro nivel, ao tempo que poñemos en valor recursos patrimoniais e paisaxísticos que teñen un gran potencial como atractivos turísticos e de dinamización económica".
Pola súa banda, José Ramón Gómez Besteiro dixo ter claro que Gregorio Agís "é o próximo alcalde de Poio" e sinalou que será así porque "é sinónimo de proxectos, ilusión e, en definitiva, de futuro para o concello".
Besteiro tamén subliñou que "os feitos son o mellor aval" do candidato socialista coas numerosas actuacións xa impulsadas ou en tramitación.
"Estes máis de dez proxectos que puiden seguir neste momento do candidato, din moitísimo del. Iso é o que lle preocupa a xente, como vai ser o seu futuro, como van compartir e quen vai dirixir o destino deste Concello. Eu estou orgulloso", afirmou o delegado do Goberno en Galicia.
Relacionadas:
-
28M | "As nosas siglas son Poio", afirma o candidato do PSOE á Alcaldía, Gregorio Agís
Por Oskar Viéitez |
-
28M | O PSOE de Poio quere aprobar un novo PXOM e favorecer a mobilidade con novas áreas de aparcamento
Por Oskar Viéitez |
-
28M | Gregorio Agís presenta 132 iniciativas transformadoras para Poio co aval da súa xestión
Por Oskar Viéitez |
-
28M | O ministro Iceta aplaude as "ideas clarísimas" do PSOE de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
28M | "Xerar riqueza, benestar e calidade de vida", a aposta de Gregorio Agís para ser alcalde de Poio
Por Redacción |
-
Unha pasarela que conecte Mollabao coa Puntada, proposta dos socialistas de Pontevedra e Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Un 'bypass' minimiza o impacto das avarías no abastecemento de agua na Caeira
Por Redacción |