Un 'bypass' minimiza o impacto das avarías no abastecemento de agua na Caeira
Por Redacción
O Concello de Poio acaba de rematar os traballos para a instalacións dunha canle ou ‘bypass’ entre as canalizacións que proporcionan abastecemento de auga no lugar de Boavista (A Caeira), na parroquia de San Salvador.
As obras rematadas consistiron na dotación dunha conexión entre as rúas Illa de Tambo e Illa de Ons, co obxectivo de minimizar ao máximo o número de vivendas que se poidan ver afectadas por avarías no servizo.
Nas últimas semanas procedeuse á colocación de 200 metros de tubaxe de polietileno e á instalación dunha chave para permitir o paso da auga.
Desta maneira, se se produce un corte na zona de Illa de Tambo, esta incidencia deixará de afectar a inmobles e vivendas emprazadas en Illa de Ons e zonas máis baixas da Caeira, tal e como viña acontecendo ata o de agora.
Unha vez instalado o ‘bypass’, tarefa que foi levada a cabo por técnicos de Viaqua, procedeuse ao soterramento e posta a punto da superficie.
O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, revisou o estado da actuación e explicou que está é unha solución que se aplica de xeito temporal, para evitar que as roturas que se producen na zona, e que se deben á antigüidade das canalizacións, afecten ao menor número de veciños e veciñas posible.
A longo prazo, lembrou que está contemplada a substitución e renovación integral do servizo en toda A Caeira no vindeiro contrato da auga que se está a tramitar.
O Concello de Poio, a través da Concellería de Obras e Servizos, tamén leva a cabo inspeccións periódicas da rede de abastecemento en todo termo municipal, de xeito que se poida actuar o máis rápido posible á hora de detectar e arranxar posibles avarías.
Segundo consta en informes elaborados por Viaqua, actualmente o rendemento do servizo rolda o 80% aproximadamente, cun nivel de perdas inferior ao 20%, a metade da media estimada pola Xunta de Galicia a nivel autonómico.
Relacionadas:
-
28M | O Goberno declara a urxente ocupación dos terreos afectados pola ampliación da EDAR de Paxariñas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Poio pide cartos á Deputación para reformar o núcleo de Viñas e As Laxes
Por Oskar Viéitez |
-
Realizan tarefas de limpeza en diversos espazos naturais da contorna de Poio
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Nova remesa de 9,8 millóns de euros da Deputación para os concellos da provincia
Por Natalia Puga |