Percorren en manifestación as rúas da Lama contra os múltiples proxectos eólicos
Por Oskar Viéitez
A Lama acolleu este domingo unha concentración diante do concello convocada pola Plataforma por un Monte Vivo, "en protesta contra os múltiples proxectos eólicos que están a asolar o rural galego en xeral e o concello da Lama en particular, coa complicidade da Xunta e o propio Consistorio".
Dende a organización manifestaron que a asistencia "superou amplamente as espectativas" polo que decidiron percorrer nunha improvisada manifestación as rúas da vila. Algo realmente inusual para este concello.
Durante todo o acto nun ambiente festivo berráronse consignas contra o modelo enerxético actual, a imposición dos parques nas aldeas, e "a complicidade e inacción do Concello".
Pola tarde a plataforma ofreceu á veciñanza de Antas, no seu local social, un mapeo colectivo. A actividade consisteu en axudar aos veciños a localizar as súas vivendas dentro da área afectada polo parque eólico Monte Peón,así como elementos de interese patrimonial como fontes, muíños, petos de animas ou canastros e lugares emblemáticos do monte.
Ademáis foi un exercicio de memoria colectiva, no cal a xente puido lembrar topónimos, usos e costumes e anécdotas entrañables da historia da aldea.
Por outra banda, o grupo municipal do PSdeG-PSOE deu a coñecer que o alcalde Jorge Canda, tramitou tamén o informe técnico favorable para a instalación de once aeroxeradores (sete deles nos montes de Xesta e Verducido) para completar o expediente administrativo de informe de impacto ambiental, requirido pola Xunta de Galicia.
Asegura o PSOE que do mesmo xeito que fixese cos de Monte Peón, o alcalde asinou os decretos de tramitación de exposición pública e trámite urbanístico sen que os veciños de Xesta estivesen ao tanto da tramitación e dos impactos negativos na saúde das persoas e no medio ambiente.
Relacionadas:
-
Pleno extraordinario na Lama para escenificar o rexeitamento do pobo ao parque eólico de Monte Peón
Por Redacción |
-
Adega abre dúas vías de crowdfunding para loitar contra os proxectos eólicos das Penizas e Touriñán III-2
Por Redacción |
-
Celebran un Via Crucis en Moraña para protestar contra o parque eólico do Acibal
Por Redacción |
-
Unha empresa especializada elaborou as alegacións de Cerdedo-Cotobade contra o parque eólico 'Ampliación As Penizas'
Por Redacción |