Máis prazas e horario máis extenso no Espazo Concilia de Poio este verán
Por Redacción
O Espazo Concilia, unha proposta socioeducativa de lecer e de apoio á infancia en Poio, incrementará este verán o seu horario e tamén o número de prazas.
Así o deu a coñecer o Concello de Poio, que promove este programa co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade e se traballa na potenciación de valores como a igualdade e a prevención da violencia, a través de diferentes obradoiros e actividades.
Este servizo estará operativo durante o verán no CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador, desde o 3 de xullo ata o 8 de setembro, cun horario de luns a venres de 7.30 a 15.00 horas.
Nesta convocatoria habilítanse un total de 45 prazas, fronte ás 30 de edicións previas, e mantéñense os mesmos prezos: 25 euros para os meses de xullo e agosto e 10 para setembro.
Poderán gozar deste servizo aqueles nenos e nenas nados entre os anos 2011 e 2019 que estean escolarizadas nos centros de ensino de Poio, así como fillos e fillas de persoas que teñan o seu posto de traballo no municipio.
O Concello de Poio pon en marcha este programa a través da Concellería de Igualdade, que está en mans da tenente de alcalde e edil de Igualdade, Silvia Díaz.
As bases do Espazo Concilia xa están dispoñibles na Sede Electrónica do Concello de Poio, logo da súa aprobación na Xunta de Goberno Local. O período de solicitude de reservas abrirase o vindeiro mércores, 10 de maio, e permanecerá operativo ata o martes 23.
As peticións poderán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello ou vía presencial con cita previa no Rexistro Xeral do Concello ou no Rexistro do Palacete de Besada.
O día 5 de xuño farase pública a listaxe provisional e a listaxe definitiva darase a coñecer o 12 de xuño.
Relacionadas:
-
Yagub e Rugaia pasan en Poio unhas "vacacións en paz"
Por Redacción |
-
O vindeiro 2 de maio abre o prazo para solicitar unha praza nas ludotecas de verán
Por Redacción |
-
O Espazo Concilia de Poio vive unha xornada ao aire libre no Pazo de Besada
Por Redacción |
-
O colexio de Viñas acollerá o Espazo Concilia e o Pavillón da Seca o Campus de Verán Multideporte Move-T
Por Redacción |