O colexio de Viñas acollerá o Espazo Concilia e o Pavillón da Seca o Campus de Verán Multideporte Move-T
Por Redacción
As instalacións do Complexo Deportivo Miguel Anxo Pazos, na Seca (San Xoán), acollerán este verán a primeira edición do Campus Multideporte Move-T Co 7a9, unha iniciativa en cuxa organización colabora a Concellería de Deportes, dirixida pola nacionalista Marga Caldas.
Trátase dunha actividade que se desenvolverá de luns a venres (excepto días festivos), en horario de mañá, durante os meses de xullo e agosto, e que cumpre cun dobre obxectivo, xa que busca facilitar a conciliación familiar dos pais e nais dos cativos e cativas inscritas, ofrecendo á rapazada diferentes iniciativas e modalidades deportivas, fomentando, deste xeito, a práctica do deporte e os hábitos saudables.
Fútbol sala, béisbol, balonmán ou bádminton son algunhas das disciplinas nas que poderán participar as nenas e nenos que se apunten a este novo campus. Tal e como lembra Marga Caldas, "moitas destas modalidades non son alleas para as nosas crianzas, xa que ao longo da tempada tamén se ofrecen a través das Escolas Deportivas".
Ademais, na oferta inclúense outras opcións como excursións e mesmo clases de defensa persoal. Con respecto aos prezos, variarán en función do tempo de inscrición. Así, para participar durante todo o verán serán 215 euros, mentres que a cota mensual quedará en 125. A quenda quincenal serán 65 euros. Tamén é posible inscribir á rapazada por semanas (35 euros) ou mesmo por días (dez euros).
Este campus está dirixido a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos, é dicir, nados entre os anos 2005 e 2013.
ESPAZO CONCILIA
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), anuncia o inicio dunha nova edición do Espazo Concilia. Trátase dunha iniciativa que busca ofrecer á cidadanía un espazo de lecer para fomentar a conciliación familiar e laboral, reforzando entre a rapazada valores como a igualdade de xénero e a prevención da violencia.
Ao igual co ano pasado, as sesións desenvolverase no CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador.
A responsable de Igualdade explica que, das 90 vacantes ofrecidas (30 mensuais), apenas quedan libres sete, unha correspondente ao mes de agosto e as seis restantes en setembro. Todas as prazas ofertadas para o mes de xullo xa están esgotadas. Díaz Iglesias incide na importancia de poder ofrecer ás familias ferramentas e opcións que faciliten a súa conciliación persoal e laboral durante a tempada estival. As persoas interesadas en anotarse nestas prazas aínda vacante poden facelo contactando co Centro de Información á Muller (CIM), na Casa Rosada.
De luns a venres, a rapazada terá a ocasión de tomar parte nun gran número de actividades de lecer, a través das cales se inciden en cuestións como o respecto ao medio ambiente ou a igualdade, tal e como sinala Silvia Díaz. Xogos de expresión corporal, rastrexos ou actividades de relaxación forman parte da programación dun Espazo Concilia que xa leva varios anos desenvolvéndose con éxito en Poio.
Relacionadas:
-
Máis prazas e horario máis extenso no Espazo Concilia de Poio este verán
Por Redacción |
-
Aproveitan o parón escolar para traballar no mantemento dos colexios da vila
Por Redacción |
-
Susana López Abella visita o Espazo Concilia, que beneficia a 30 familias de Poio este verán
Por Redacción |
-
O Espazo Concilia de Poio vive unha xornada ao aire libre no Pazo de Besada
Por Redacción |
-
80 nenos de Barro participan no Pazo da Crega nunha nova edición do "Espazo Concilia"
Por Redacción |
-
O Espazo Concilia de Poio abrirá o período de inscricións o vindeiro 24 de maio
Por Redacción |