O Espazo Concilia de Poio abrirá o período de inscricións o vindeiro 24 de maio
Por Redacción
O Concello de Poio, a través da Concellería de Igualdade, volve ofrecer á cidadanía un espazo de lecer para fomentar a conciliación familiar e laboral, reforzando entre a rapazada valores como a igualdade de xénero e a prevención da violencia. Trátase do Espazo Concilia, que, como xa é habitual, desenvolverase ao longo do verán, concretamente desde o 1 de xullo ata o 9 de setembro.
A concelleira responsable deste departamento, Silvia Díaz, confirmou este mércores que o vindeiro 24 de maio abrirase o prazo de inscricións. Deste xeito, as persoas interesadas en inscribir aos seus fillos disporán ata o 10 de xuño para realizar a tramitación.
A presentación da documentación pode realizarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello de Poio, ou ben nas dependencias da Casa Rosada e da oficina do Centro de Información á Muller (CIM), en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A edil de Igualdade garante que a actividade se desenvolverá cumprindo con todas as medidas sanitarias contra a covid-19. "En todo momento estaremos moi pendentes da evolución da pandemia, para adaptarnos ao contexto que sexa necesario", incide. Ao igual co ano pasado, o Espazo Concilia desenvolverase no CEIP Viñas, na parroquia de San Salvador, o que facilitará o cumprimento do aforo e o distanciamento.
Silvia Díaz lembra que Poio foi un dos municipios da bisbarra de Pontevedra que mantivo operativo este servizo no verán de 2020.
"Mentres que outros concellos optaron por suspender este tipo de actividades, nós consideramos que resultaba indispensable, logo de varios meses de confinamento, ofrecer ás familias ferramentas que axudasen á súa conciliación persoal e laboral en plena tempada non lectiva", subliña a concelleira de Avante Poio, que tamén recorda que a iniciativa se levou a cabo con total normalidade, coas pertinentes medidas de seguridade.
Serán 30 as prazas que se oferten a través do Espazo Concilia. A edil de Igualdade explica que, unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista de admitidos provisionais o 14 de xuño. A definitiva darase a coñecer o 18, despois de conceder o pertinente prazo para a presentación de reclamacións.
Á hora de outorgar as prazas, teranse en conta baremos como a situación laboral, económica e sociofamiliar dos solicitantes. Con respecto aos prezos, mantéñense as cotas do ano pasado (25 euros mensuais en xullo e agosto e 10 en setembro). As bases poden consultarse na páxina web do Concello.
Relacionadas:
-
Susana López Abella visita o Espazo Concilia, que beneficia a 30 familias de Poio este verán
Por Redacción |
-
O colexio de Viñas acollerá o Espazo Concilia e o Pavillón da Seca o Campus de Verán Multideporte Move-T
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de solicitude de axudas para asociacións de mulleres en Poio
Por Redacción |