O Espazo Concilia de Poio vive unha xornada ao aire libre no Pazo de Besada
Por Redacción
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, participou na mañá deste xoves nunha das excursións que realizan os nenos participantes no Espazo Concilia, a iniciativa impulsada desde este departamento municipal co obxectivo de ofrecer á veciñanza un espazo de lecer para fomentar a conciliación familiar e laboral, reforzando entre a rapazada valores como a igualdade de xénero e a prevención da violencia, entre outros.
Nesta ocasión, a saída ao aire libre transcorreu nos exteriores do Pazo de Besada, na parroquia de San Salvador. Con todas as medidas de sanitarias e de seguridade e divididos en diferentes grupos de 10, os nenos e nenas partiron das instalacións do CEIP Viñas, onde se celebra o Espazo Concilia, ata o Pazo, acompañados polos monitores e por integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio.
Unha vez chegados á Finca de Besada, tiveron ocasión de participar en diferentes xogos como actividades de expresión corporal, xogos de auga e tomar parte en talleres sobre medio ambiente.
O Espazo Concilia iniciouse o pasado mes de xullo ofertando 90 prazas e, segundo indicou a titular de Igualdade, "neste verán tivemos moita demanda de inscricións". Este programa continuará ata principios de setembro, co comezo do curso escolar.
Relacionadas:
-
Máis prazas e horario máis extenso no Espazo Concilia de Poio este verán
Por Redacción |
-
Susana López Abella visita o Espazo Concilia, que beneficia a 30 familias de Poio este verán
Por Redacción |
-
O colexio de Viñas acollerá o Espazo Concilia e o Pavillón da Seca o Campus de Verán Multideporte Move-T
Por Redacción |
-
O Espazo Concilia de Poio inicia a súa actividade estival
Por Redacción |
-
As ludotecas de Poio adáptanse ás medidas anti covid-19
Por Redacción |