Yagub e Rugaia pasan en Poio unhas "vacacións en paz"
Por Redacción
Logo de dous anos de ausencia, por mor da pandemia da COVID-19, o Concello de Poio volve neste 2022 a formar parte do programa Vacacións en Paz, unha iniciativa na que, ata a chegada do virus en 2020, a administración local viña participando de xeito continuado desde 1995. A través desta iniciativa, nenos do pobo do Sáhara teñen a posibilidade de pasar o verán no municipio con aquelas familias que se animan a tomar parte na actividade.
O alcalde, Luciano Sobral, e a edil socialista Rosa Fernández, responsable da área de Servizos Sociais a través da cal se xestiona a participación do Concello nesta rede, fixeron este martes entrega duns agasallos aos dous cativos que neste 2022 chegaron a Poio da man deste programa. Trátanse de Yagub, de 8 anos, e Rugaia, de 7, que xa levan coa súa familia de acollida desde hai varias semanas e permanecerán en Poio ata principios de setembro.
Tanto o rexedor nacionalista como a concelleira coincidiron á hora de destacar a importancia de tomar parte "en iniciativas que permiten a rapaces e rapazas coma Yagub e Rugaia a gozar dunha estancia agradable aquí, onde poden coñecer outra forma de vida, algo que inflúe positivamente non só na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre a nosa sociedade e o pobo saharauí".
Os dous rapaces, que participan polas mañás no Espazo Concilia da Concellería de Igualdade, están xa moi adaptados a Poio, tal e como explica a familia de adopción.
Rosa Fernández explicou que "cando chegaron aquí non sabían falar castelán, pero estanse a familiarizar moi rápido co idioma". Ademais, nestas semanas os dous cativos xa tiveron ocasión de visitar diferentes lugares do concello, como o Bosque de Colón, o Monte Castrove e as praias da vila.
Pola súa banda, o alcalde Sobral sinalou a importancia de manter este programa activo en Poio, xa que "os e as rapazas que pasan o verán aquí viven unha experiencia única que nunca esquecerán". O rexedor e a edil de Servizos Sociais recibiron unha bandeira do Sáhara confeccionada a man, que trouxo Yagub na súa mochila a modo de agradecemento.
O Concello agradece a implicación da familia de acollida e tamén confía en que no futuro tamén poidan retomar a súa participación no programa da Asociación Ledicia Cativa para a acollida durante o verán de menores de Chernobyl. Sen embargo, o conflito bélico con Rusia impediu desenvolver esta iniciativa neste 2022.
Relacionadas:
-
Achegamento á loita saharauí para conmemorar o 50 aniversario do Fronte Polisario
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Prevista a celebración en Pontevedra do 50 aniversario da Fronte Polisaria o 20 de maio
Por Redacción |
-
Máis prazas e horario máis extenso no Espazo Concilia de Poio este verán
Por Redacción |
-
As familias galegas volven acoller menores saharauis despois de dous anos de pandemia
Por Redacción |