O Atlante durmirá unha tempada na Praza dos Barcos por culpa das obras
Por Redacción
A execución das obras da primeira fase do proxecto Batea en Terra nas que se inclúe a creación dun noiro axardinado integrado coa contorna portuaria obrigou a cambiar de localización, de forma provisional, a escultura do Atlante á Praza dos Barcos.
Operarios municipais encargáronse de realizar este mércores o traslado co camión guindastre, mantendo a colocación orixinal das pezas da escultura de Francisco Leiro. A figura realizada en bronce pesa 20.000 quilos e mide 14 metros.
O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Obras e Servizos, Óscar Vilar Sartages, supervisou os traballos e ordenou a limpeza das distintas pintadas que presenta a escultura.
A obra colocouse o 24 de agosto de 2005 nun lateral da Praza do mar e representa a un deus que vivía nas profundidades do Océano Atlántico, segundo a mitoloxía grega. A cabeza, o tronco e as extremidades aparecen despegadas e ofrecen a posibilidade de converterse nun cómodo banco onde descansar, un respaldo onde tombarse ou un pasadizo onde acubillarse.
Doutra banda, a obra avanza a bo ritmo coa retirada do pavimento e a impermeabilización da superficie da praza. Ademais, xa se comezou co recheo das bancadas para iniciar a construción da pendente do xardín. A zona de actuación desta primeira fase é de 2.500 metros. A plantación de especies autóctonas que conformarán o xardín dará comezo en novembro e encargarase a paisaxistas especializados.
Relacionadas:
-
As obras da "Batea en terra" mantéñense durante o verán
Por Redacción |
-
A cimentación e os muros de contención centran as obras da primeira fase de 'Batea en Terra'
Por Redacción |
-
A reconversión do ámbito portuario nunha 'batea en terra' comezará tras a Semana Santa
Por Redacción |
-
A ampliación da concesión do porto ata 2047 desbloquea a 'Batea en terra'
Por Redacción |
-
A primeira fase da 'Batea en terra' roldará os 1,5 millóns de euros e terá un prazo de execución de 9 meses
Por Oskar Viéitez |