As obras da "Batea en terra" mantéñense durante o verán
Por Redacción
O elemento central da primeira fase do proxecto "Batea en terra", o noiro axardinado, toma forma. O deseño do que será o futuro carreiro que comunique a Praza dos Barcos e a Praza do Mar, xa está delimitado na obra.
A obra está valada e non se paralizará durante o verán para non afectar os prazos de execución.
Tras o alzado dos muros de contención deuse paso á pavimentación e ao noiro que tras o verán acollerá a plantación de distintas especies arbóreas a ambos os dous lados da senda. Optouse por introducir especies autóctonas propias da comunidade pola súa resistencia aos ventos, a salinidade e o seu baixo consumo de auga. De feito, só necesitarán rega o primeiro ano e medio desde a súa plantación.
O obxectivo é a creación dun auténtico pulmón verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano.
En canto ao xardín que xerará unha continuidade topográfica como un elemento charnela entre a Praza dos Barcos, o Paseo de Silgar, o Paseo dos barcos, o dique e os portos pesqueiro e deportivo. Mantense un acceso rodado ao porto pesqueiro polo exterior da praza, con carácter restrinxido.
O aparcamento mantén as prazas actuais. Mantéñense todos os locais comerciais en concesión, sen intervención ningunha, axustando para iso a pendente do xardín.
A intervención desta fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de señalética.