O ximnasio de Campolongo avanza cara á autosuficiencia enerxética con 66 paneis solares novos
Por Redacción
O centro deportivo municipal de Campolongo vén de estrear 66 módulos fotovoltaicos que permitirán que o complexo reduza as súas emisións de dióxido de carbono en 143.716 quilos ao longo dos seus 25 anos de vida útil.
Os novos paneis, que se suman aos 96 que a concesionaria BeOne Serviocio xa instalara neste ximnasio nunha primeira fase, serán capaces de producir 40.716 kWh de enerxía solar cada ano, dispoñendo dunha potencia total de 39,6 kW.
As obras realizadas para a dotación dos módulos foron supervisadas esta mañá polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, quen asegurou que "esta aposta pola xeración de enerxía solar sitúa ao centro deportivo na vangarda da sostibilidade e pon de manifesto o compromiso medioambiental existente na súa xestión, ao facer posible que preto dun 40 % da súa enerxía sexa de autoconsumo".
Con todo, Puentes, que estivo acompañado na súa visita polo director do complexo deportivo, Jose Bamio, lembrou que a concesionaria BeOne Servicio leva anos aplicando diferentes medidas dentro do seu plan de sostibilidade: "ademais da instalación de placas fotovoltaicas, neste centro deportivo recíclanse a maioría dos materiais e tamén contan con billas e duchas con redutores de caudal".
Asemade, a piscina dispón de desinfección por luz ultravioleta, o que permite reducir o uso de químicos; as climatizadoras contan con recuperadores de calor e válvulas termostáticas para as duchas; o sistema de iluminación ten luminarias LED temporizadas e detectores de presenza con infravermellos en diferentes espazos para o aforro de enerxía, así como con estabilizadores intelixentes de tensión que evitan flutuacións.
A meta do Grupo BeOne, dentro deste plan de sostibilidade e seguindo os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 de Nacións Unidas, é instalar placas fotovoltaicas en todos os centros deportivos que xestiona antes de 2025, acadando un autoconsumo do cento por cento de enerxías renovables en todos os seus procesos.
Relacionadas:
-
BeOne recibirá 215.000 euros máis polo peche forzoso durante a pandemia
Por Alejandro Espiño |
-
Autorizan a BeOne a que suba un 1,87% as tarifas aos usuarios do ximnasio e as piscinas de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
BeOne solicita subir un 2,5% as tarifas aos usuarios do ximnasio e as piscinas de Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
Critican a BeOne por pedir una compensación ao Concello sen cumprir "cos incrementos salariais pactados"
Por Diego Espiño |
-
BeOne abre a porta para asumir a xestión da piscina olímpica de Pontemuiños
Por Manu Otero |
-
A piscina de Campolongo estrea un dispositivo que mide o seu rendemento e garante a súa seguridade
Por Manu Otero |
-
As pistas de Campolongo recuperan as súas porterías
Por Redacción |