O porto de Sanxenxo contará cun espazo para gardar redes e nasas
Por Redacción
Portos de Galicia está a traballar na licitación do proxecto de implantación de novos departamentos para usuarios do sector pesqueiro no porto de Sanxenxo.
Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona para presentar o proxecto, orzamentado en 450.000 euros, tanto á confraría de pescadores local como ao Concello.
A responsable do organismo autonómico explicou que a proposta prevé 14 departamentos en dúas aliñacións, separados por unha rúa e situados nunha superficie duns 300 metros cadrados que actualmente está destinada parcialmente á almacenaxe de útiles dos mariñeiros.
"O obxectivo desta actuación é dotar ao sector profesional dun espazo para gardar as súas redes, nasas e demais elementos e á vez, xerar unha maior orde visual na contorna, cun marcado carácter turístico", subliñou Susana Lenguas.
Os departamentos que se proxectan serán modulares, con case 19 metros cadrados de superficie cada un, a excepción dun de 26, e non superarán os tres metros de altura. Estarán conformados por formigón prefabricado de fácil montaxe e desmontaxe e contarán cunha porta de acceso de anchura completa e dous ocos circulares para facilitar a iluminación e ventilación natural.
Estes novos espazos estarán provistos tamén de cadro eléctrico, toma de corrente e iluminación LED ao tempo que contarán con conexión á rede de saneamento e provisión de auga sanitaria con contador independente.
Relacionadas:
-
A reconversión do ámbito portuario nunha 'batea en terra' comezará tras a Semana Santa
Por Redacción |
-
Rescatan con hipotermia un home que caeu dun veleiro atracado
Por Oskar Viéitez |
-
O porto deportivo Juan Carlos I aumenta a súa actividade coa estancia de máis de 450 embarcacións en 2022
Por Álvaro Arosa Barco |
-
A ampliación da concesión do porto ata 2047 desbloquea a 'Batea en terra'
Por Redacción |