O porto deportivo Juan Carlos I aumenta a súa actividade coa estancia de máis de 450 embarcacións en 2022
A localidade de Sanxenxo volveu ser anfitrioa dun gran número de embarcacións procedentes de varias partes do mundo que elixiron o porto deportivo Juan Carlos I para amarrar o seu navío ao longo do 2022.
Un total de 20 países pasaron polo porto de Nauta Sanxenxo, entre os que destacan Francia (43), Irlanda (37), Portugal (24) e Gran Bretaña (15), seguidos doutros como Namibia, Finlandia, Polonia ou Eslovenia e quedando en primeiro lugar as de territorio nacional, que lideran a lista cun total de 258.
Os veleiros foron os máis numerosos no seu paso polo porto, chegando ao total de 324 fronte ás 128 embarcacións a motor. Desde a empresa municipal notaron un aumento dos iates de certa embergadura que superan os 18 metros de eslora, pero os máis frecuentes seguen sendo os que alcanzan os 12 ou ata 15 metros.
O porto conta cunha superficie total de máis de 123.000 metros cadrados e as súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil.
En canto aos ingresos, Nauta Sanxenxo facturou ao redor de 2 millóns de euros. Esta cantidade provén de distintos conceptos como mantemento, prazas de amarre, tránsitos, combustible, aparcadoiro, guindastre ou dique entre outros. Esta cifra supón unha recuperación económica, xa que tal e como explican desde a empresa municipal son datos similares aos previos á pandemia.
A recente ampliación da concesión portuaria ata 2047 permitirá que o porto sanxenxino se consolíde como un referente na entrada á ría de Pontevedra, segundo explican desde o Concello. Esta prórroga vincúlase a unha serie de proxectos como Batea en Terra e a reordenación da lámina de auga, mellorando así a fachada marítima.
Relacionadas:
-
O porto deportivo de Sanxenxo, sen amarres libres para Semana Santa
Por Redacción |
-
O porto de Sanxenxo contará cun espazo para gardar redes e nasas
Por Redacción |
-
A ampliación da concesión do porto ata 2047 desbloquea a 'Batea en terra'
Por Redacción |
-
A empresa municipal Nauta Sanxenxo logra unha ampliación da concesión portuaria ata 2047
Por Redacción |