Pilar Martínez Hervés recibirá o premio 8 de marzo de UGT
Por Redacción
Como cada ano, o sindicato UGT Po-Ar-Dz entregará a unha muller o premio 8 de marzo. Nesta ocasión, a galardoada será a estradense Pilar Martínez Hervés, traballadora durante máis de tres décadas da extinta fábrica de Cedonosa-IKF España de Cuntis.
Pilar tamén foi presidenta durante 24 anos do Comité da empresa en representación de compañeiras e compañeiros para defender os seus dereitos laborais da man de UGT ata o peche da empresa en 2010. Durante os anos que estivo ao frente, afrontou dous cambios de titularidade da empresa, que chegou a ter 200 empregados, e o seu peche, que deixou na rúa a un minguado cadro de persoal de pouco máis de 60 operarios.
A candidatura foi presentada pola Federación de Industria, Construción e Agro (FICA-UGT), a mesma na que milita desde a súa incorporación a Cedonosa cando aínda non cumprira os 18 anos. A pesar da súa mocidade, a galardoada xa tiña experiencia laboral tras traballar desde os 14 na empresa do seu pai.
Martínez Hervés declarouse "sorprendida" pola elección ademais de "agradecida e orgullosa de que se acorden dela tanto tempo despois de pechada a fábrica e afastada da actividade do sindicato" ao que segue afiliada.
Defínese como "unha muller franca, decidida, que non se deixa asoballar e reivindicativa", cualidades que viron nela as compañeiras da fábrica que depositaron nela a confianza como negociadora nun mundo sindical dominado por homes. Afirma que nunca a fixeron de menos e non o consentiría, "sempre fun de fronte e iso valórase". Tamén asegura que non aceptou acordos vantaxosos para ela cando negociaba o ERE de extinción da compañía.
Casada e con dous fillos, puido conxugar a súa faceta de traballadora, representante sindical e nai grazas a que atopou o apoio na casa e no sindicato para conciliar, algo que hai décadas era unha quimera para tantas mulleres que loitaban por abrirse paso e ocupar o espazo no mundo que lles correspondía.
Para o sindicato, a estradense é "un exemplo de afouteza, compromiso e dignidade". A entrega do premio terá lugar no local de UGT-Pontevedra o vindeiro martes, 7 de marzo, ás 11:00 horas.
Relacionadas:
-
Pilar Martínez Hervés, traballadora da extinta Cedonosa-IKF de Cuntis, recibe o Premio 8 de marzo da UXT
Por Anxo Lourido |
-
Lentes violeta en Cuntis para pensar en igualdade
Por Redacción |
-
A Illa de Arousa súmase aos actos polo 8M
Por Redacción |
-
O lema 'A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos' preside desde este venres o Pazo Provincial
-
As mulleres do mar, protagonistas do 8M de Vilaboa
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas estrea un mural colaborativo sobre o 8M en Chan da Barcia
Por Redacción |
-
'Mulleres adiante', o lema reivindicativo do 8M para conseguir unha igualdade real todos os días
-
Marzo, un mes centrado nas mulleres e as persoas maiores en Caldas
Por Redacción |