'Mulleres adiante', o lema reivindicativo do 8M para conseguir unha igualdade real todos os días
'Mulleres adiante' será o lema da campaña do 8M, Día Internacional da Muller, do Concello de Pontevedra. Así o confirmou Yoya Blanco, concelleira de Igualdade, na presentación desta iniciativa celebrada este xoves. Neste acto tamén participaron Sara Docampo, autora da campaña gráfica deste ano, e Mercedes Renda, axente do Centro de Investigación da Muller (CIM).
As actividades desta campaña arrincarán o martes 7 de marzo ás 11:30 horas no Concello coa lectura do manifesto a cargo da xornalista Natalia Puga, á que se lle solicitou este ano a súa redacción e co espallamento dunha intensa campaña gráfica, que abrangue a instalación dunha lona no balcón da Casa da Luz, que terá lugar ese mesmo día ás 11:50; a distribución de carteis por mupis e por diversos puntos do centro urbano e das parroquias: e o reparto de paraugas conmemorativos a través do CIM.
Yoya Blanco asegurou que "para min é especialmente importante que as mulleres que son recoñecidas na cidade tomen a palabra e visibilicen a loita que temos que ter todos os días", referíndose a elección da xornalista Natalia Puga para ser a encargada da elaboración do manifesto.
Pola súa parte, Sara Docampo, deseñadora da campaña gráfica, agradeceu a oportunidade ao Concello de Pontevedra xa que lle fixo "moita ilusión poder deseñar este cartel no 8M" na súa cidade. Explicou que ela, á hora de realizar a gráfica principal, se basou en que "o feminismo pode mover o mundo e o 8 de marzo as mulleres teñen que dar un paso adiante e saír á rúa".
Ademais, Mercedes Renda engadiu que "o que queremos é que os medios de comunicación teñan o foco nos problemas das mulleres para conseguir unha igualdade real todos os días" e que o 8 de marzo "é unha escusa" para poñer ese foco xa que as actividades non se deberían quedar "nen un día nen un mes".
Quixo facer fincapé na importancia da educación sexual e tamén declarou que "no CIM trabállase durante todo o ano e a memoria de 2022 reflicte que atendemos a 230 vítimas de violencia de xénero".
O programa do 8M terá entre os seus eventos os "clásicos", segundo a edil, Faladoiros Feministas, que se celebrarán na sede do CIM os mércores 22 e 29 de marzo entre as 19:00 e as 20:30 horas. A entrada aos coloquios será de balde ata completar a capacidade e tamén se gravarán para a súa difusión posterior na páxina web do Concello e nas redes sociais da Concellería de Igualdade.
O 22 de marzo está previsto o primeiro Faladoiro sobre a Lei de Liberdade Sexual ('Só si é si') e estará moderado pola xornalista María Varela. O segundo faladoiro celebrarase o 29 de marzo, terá o título de 'Faladoiro literario feminista: a incorporación da perspectiva feminista na literatura actual', e será moderado pola xornalista Chus Gómez.
Relacionadas:
-
Unha alumna do Luís Seoane e un grupo do Valle Inclán gañan o concurso de TikTok pola igualdade do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Arrinca 'Mulleres adiante' coa lectura dun manifesto que reivindica "unha cuestión tan obvia" como é a igualdade
-
'A crise non a imos pagar as traballadoras', lema para realizar as manifestacións do 8M da CIG
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Pilar Martínez Hervés recibirá o premio 8 de marzo de UGT
Por Redacción |
-
O lema 'A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos' preside desde este venres o Pazo Provincial
-
'Mulleres' reivindican a súa loita na programación para o 8M
Por Raquel Currás Martínez |