Xa está aquí o Entroido, "unha semana a todo meter onde a carallada é a protagonista"
O Entroido máis esperado, o primeiro sen restricións de ningún tipo tras a pandemia, xa está aquí. Unha Praza da Ferrería con centos de persoas desexosas de festa foi o escenario elixido para iniciar "unha semana a todo meter onde a carallada é a protagonista".
Así de elocuentes foron os integrantes de Os do Pino, a agrupación que tivo a honra este ano de dar o pregón do Entroido. Fixérono levando ao público a un irónico e divertida viaxe ao pasado, concretamente ata 1984, o ano que Pontevedra recuperou o desfile na rúa.
Coa archipopular Viaje con nosotros da Orquesta Mondragón, Os do Pino repasaron a súa estreita vinculación con esta festa, na que participaron desde os seus inicios e da que se despediron no ano 2019, tras máis de 35 anos ao pé do canón.
"Empezamos solteiros e algúns xa temos netos", chancearon, tras lembrar os seus inicios nos talleres dunha fábrica en Salcedo, nos que fóra do seu horario laboral, preparaban os seus disfraces. De aí mudáronse posteriormente a Valadares (Marcón), pero mantendo o seu espírito.
Un Entroido o de Pontevedra que, segundo os seus pregoeiros, "do que da xente fala" debido á multitude de actividades: desfiles, parodias, "burlas negras" ou concursos de charangas e no que o broche de ouro é queimar un loro "xa morto hai un século".
E entre comentarios 'retranqueiros' e estriptis ao son da música da película Nove semanas e media, que fixo rir ao público a gargalladas, houbo tempo tamén para certa reivindicación.
Que o ano que vén se tomen as medidas adecuadas para "darlle sona" ao desfile do Entroido. Non en balde cumpriranse corenta anos desde que comparsas e disfraces volvesen ás rúas.
Despois de ata tres cambios de disfraces e ata unha peculiar versión en galego do My Way de Frank Sinatra, o pregón chegaba á súa fin. "Boas noites e mellor entroido", foi a despedida de Os do Pino, aos que o alcalde entregou unha insignia de Ravachol como agradecemento.
A actriz María Carrera foi a mestra de cerimonias dun pregón que preludió a tradicional chegada do séquito do Rei Urco á Praza da Ferrería, composto polas comparsas Os Canecos, Os Miúdos, As Sonecas, Os 100 Tolos e Os Paparrulos.
Todas elas retomaron a animación musical polas rúas da cidade para animar aos pontevedreses para prepararse para a primeira cita do Entroido, o gran desfile deste sábado.
Relacionadas:
-
Equipo Ja, Val do Lérez, A Tropa de Moncha A Caralla, Leña Verde e Eléctricas PTV, á final do concurso de murgas
Por Alejandro Espiño |
-
As murgas tiran de arte e enxeño para animar o Entroido pontevedrés coa súa retranca
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ravachol preséntase no 2023 como paciente dun PAC da área sanitaria e morrerá sen que o vexa un médico
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Dez murgas, a polo cetro de 'retranqueiros' do Entroido pontevedrés
Por Redacción |
-
O Entroido conquista as rúas de Poio cun desfile que superou as expectativas
Por Oskar Viéitez |
-
Un multitudinario desfile de Entroido enche as rúas de Pontevedra de música, cor, fantasía e retranca
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O Entroido de 2023, "o máis esperado dos últimos anos" en Pontevedra
Por Álvaro Arosa Barco |