Pontevedra poderá estrear o primeiro parque de xogos de auga esta primavera
Por Redacción
O primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra, impulsado polo Concello no parque Rosalía de Castro, poderá estar xa operativo "a partir desta primavera".
Así o deu a coñecer este mércores o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, que visitou a zona con motivo da activación das obras.
A actuación botou a andar o pasado mes de decembro co valado da zona e este mércores operarios e máquinas da firma Naturgalia empezaron a traballar.
Os traballos contan cun prazo de execución de dous meses e medio e están enmarcados dentro da estratexia de renaturalización de ríos e espazos naturais e loita contra o cambio climático 'Pontevedra Flúe'.
O proxecto, adxudicado á empresa especializada Vortex Estruturas Acuáticas SL por un orzamento de 309.929,80 euros, consistirá nunha singular área de lecer dotada de chorros, difusores e elementos pensados para as familias e para nenos e nenas de todas as idades.
O novo parque ocupará unha superficie de 225 metros cadrados nunha parcela de 3.400 metros cadrados situada cara á ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses (entre as pontes de Santiago e Os Tirantes).
O proxecto contempla a creación dun parque de xogos ‘tradicionais’ a carón do de xogos de auga, que terá como peza estrela un enorme castelo, e unha mellora paisaxística de toda esta contorna, con cores naturais perfectamente integrados na zona verde, novo mobiliario e espazos de confort e unha proposta enerxéticamente eficiente e sostible, coa instalación dunha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo.
Relacionadas:
-
Un gran castelo xa destaca na zona de xogos tradicionais e de auga no parque Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Pontevedra exporá o seu "modelo verde e azul" en Turín
Por Redacción |
-
Comezan os traballos para crear o primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra
Por Redacción |
-
O parque de xogos de auga comezará a construírse en outubro
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará antes de final de ano o primeiro parque infantil con xogos de auga
Por Alejandro Espiño |