Pontevedra exporá o seu "modelo verde e azul" en Turín
Por Redacción
O "modelo verde e azul" que o Concello impulsa a través da estratexia Pontevedra Flúe chegará a Turín. Ata a cidade italiana viaxará o edil Iván Puentes para participar na primeira xuntanza física da alianza europea pola renaturalización das cidades na que está a Boa Vila.
Xunto a Pontevedra forman parte desta estratexia común outras sete urbes europeas, Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque; e catorce entidades rexionais.
O encontro, no que o responsable municipal de Desenvolvemento Sostible presentará os traballos que se están a realizar en Pontevedra, será o próximo 15 de marzo no marco da quinta edición do Cities Forum organizado pola Comisión Europea.
A elección de Pontevedra como membro desta alianza europea, segundo o concelleiro socialista, situou á cidade dentro do circuíto europeo "que definirá a política e os instrumentos de financiamento de infraestrutura verde e azul da Unión Europa".
"Para que nos fagamos unha idea da importancia, significa que a nosa cidade xogará un papel esencial coas súas políticas verdes e o seu modelo urbano no deseño da axenda urbana da UE", subliña Puentes, que recorda que Pontevedra é a única cidade española nesta alianza.
Pontevedra, coa presenza neste foro, "sitúase de novo como referente a nivel internacional", engade o concelleiro, neste caso das políticas orientadas á renaturalizar espazos naturais e contornos fluviais, recuperar espazos degradados e crear unha cidade "resiliente e capaz de loitar contra o cambio climático".
Relacionadas:
-
Pontevedra destaca na 5ª edición do Cities Forum 2023
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Pontevedra poderá estrear o primeiro parque de xogos de auga esta primavera
Por Redacción |
-
Yoya Blanco e Iván Puentes presentan en FITUR, coa axuda de Bruce Lee, a Pontevedra como ecodestino
Por Redacción |
-
Pontevedra mostra o seu plan de acción para renaturalizar a contorna dos ríos e loitar contra a emerxencia climática
Por Manu Otero |
-
Pontevedra traza unha "revolución verde e azul" con 20 millóns para que os seus ríos "non estean illados"
Por Alejandro Espiño |