Pontevedra estreará antes de final de ano o primeiro parque infantil con xogos de auga
Por Alejandro Espiño
O parque Rosalía de Castro, situado na ribeira do Lérez entre o paseo de Rafael Areses e o Recinto Feiral, será o lugar no que se habilite o primeiro parque infantil con xogos de auga do municipio. Vaise a estrear, se se cumpren as previsións do Concello, antes de final de ano.
Neste proxecto, que xa está en fase de contratación, vanse a investir uns 375.000 euros. O prazo de execución das obras será de catro meses. As empresas interesadas en executar esta actuación terán vinte días de prazo para presentar as súas ofertas.
O edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, visitou este luns a zona na que se vai a construír o parque, terreos que están clasificados como solo urbano e zona verde conforme ao PXOU vixente e non están afectados por Costas.
Será un parque acuático con elementos pensados para diferentes idades, accesibles e seguros e diversas áreas, cunha zona con xogos de texturas de auga suave, outra zona interactiva con chorros e unha terceira con efectos visuais e maior caudal de auga.
Ademais, crearase unha zona deportiva e de fitness ao aire libre, axardinarase toda a contorna e instalaranse modernos sistemas de iluminación e rega e mobiliario urbano.
Todos os xogos de auga estarán fabricados para ter unha gran durabilidade e resistir condicións ambientais ou actos vandálicos, empregándose materiais como o aceiro inoxidable e o cobre, tratándose con pinturas especiais e montándose con parafusos antivandálicos.
A impulsión da auga aos xogos realizarase mediante un sistema formado por tres elementos conectados: unha bomba centrífuga, que lle conferirá a enerxía necesaria; un filtro, que terá a función de evitar que os sólidos que poida levar a auga cheguen ao colector de electroválvulas (impedindo que estas se colapsen), e o antedito colector, do que sairán todas as conducións individuais que chegan aos xogos e distribúen o caudal para cada un deles.
As tubaxes de presión do circuíto serán de PVC ou dun material semellante.
SISTEMA AUTOMÁTICO DE DEPURACIÓN
O tratamento da auga levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración formado por unha bomba de filtración, un filtro de area e equipos de dosificación, aplicándose un filtrado e unha achega de produtos químicos que garantan que estea en condicións de cloro, PH e limpeza para un baño totalmente seguro.
Un controlador químico realizará as lecturas da calidade da auga, enviando estas lecturas a un 'autómata' e detendo a bomba no caso de que esta non cumpra cos parámetros establecidos.
Todos os xogos estarán fabricados segundo a norma europea EN1176, con aceiro inoxidable, e dotados dun sistema de protección de pés para evitar que esta parte do corpo poida danarse ao xogar. O parque contará con iluminación LED na mesma área de xogo, con luces embebidas á beira dos chorros de chan, xerando efectos visuais e de espectros de cor.
A superficie da zona de xogos de auga terá unha lixeira pendente para evitar a formación de charcos e o pavimento das áreas húmidas executarase con materiais impermeables, imputrescibles e resistentes a produtos químicos de tratamento de auga, coa finalidade de impedir a formación de fochas e a proliferación de microorganismos.
Tamén será anti escorregóns en estado húmido, para previr esvaróns dos usuarios, e cunha rugosidade que non moleste ou fira as plantas dos pés descalzos.
O perímetro do parque de auga será pechado mediante unha malla metálica de cor verde e postes de tubo de aceiro galvanizado dispostos cada dous metros e ancorados con formigón.
A zona deportiva e de fitness formularase como un gran espazo ao aire libre para que a xente adestre na contorna do parque Rosalía de Castro, con equipos inclusivos, un circuíto de cross training con elementos de resistencia axustables e outra de cardio con varios modelos de bicicletas fitness, todas elas con diferentes modos de resistencia.
O mobiliario dos espazos verdes cumprirá coas axeitadas especificacións tanto dende o punto de vista da funcionalidade e o confort para os usuarios como do da integración paisaxística co seu contorno. A actuación contempla a incorporación de varias zonas de banco corrido con pés en aceiro galvanizado, e tamén de bancos circulares, todos eles con asento de madeira.
Relacionadas:
-
Pontevedra poderá estrear o primeiro parque de xogos de auga esta primavera
Por Redacción |
-
Comezan os traballos para crear o primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra
Por Redacción |
-
O parque de xogos de auga comezará a construírse en outubro
Por Redacción |
-
Inicio escolar con estrea de parque infantil nas Palmeiras
Por Redacción |
-
O parque de xogos das Palmeiras permanecerá pechado dúas semanas por obras
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O parque infantil da Praza de Europa permanecerá pechado durante dúas semanas por obras
Por Redacción |
-
Os xardineiros municipais denuncian os recorrentes roubos de plantas e flores na Alameda
Por Redacción |
-
Europa pagará o 'destape' do Gafos, que terá xullo de 2025 como data límite
Por Manu Otero |
-
Pontevedra habilitará un parque infantil con xogos de auga na contorna do Recinto Feiral
Por Redacción |