Os xardineiros municipais denuncian os recorrentes roubos de plantas e flores na Alameda
Por Redacción
O Servizo Municipal de Parques e Xardíns denunciou ante a Policía Local de Pontevedra as recorrentes agresións ás zonas axardinadas e subtraccións de plantas e flores que se producen no contorno do parque da Alameda.
O último destes roubos aconteceu nos maceteiros da cabeceira que dá cara ao monumento aos Heroes de Ponte Sampaio.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, lamentou que se produzan "estes roubos tan insolidarios, que só prexudican o traballo dos operarios do Servizo e, por suposto, ao resto da cidadanía de Pontevedra".
MIRADOR DE MONTE PORREIRO
Iván Puentes fixo estas declaracións en Monte Porreiro onde visitou o parque infantil do Mirador para supervisar a marcha dos traballos de arranxo integral e mellora que o seu departamento está a acometer nesta zona de xogos.
A actuación abrangue a renovación de todo o pavimento de area, o pintado dos xogos, a revisión de parafusos, tapóns e elementos de seguridade, o cambio dun resorte e a adaptación dos bambáns para que o parque cumpra as normativas autonómica e europea en materia de seguridade e acadar a certificación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac).
O proxecto contempla o cambio de todo o valo perimetral de madeira, que será de cores, para que teña unha estética acorde a un parque para nenos pequenos como este. Ademais, mellorarase a zona dos bancos, que ten uns muretes perimetrais. "Agardamos que a intervención poida estar rematada nesta mesma semana", explicou o socialista Iván Puentes, quen indicou que, no seu conxunto, esta intervención suporá un investimento duns 5.000 euros.
Segundo avanzou, dentro desta mesma contratación tamén se atopa o arranxo e mellora do parque infantil do Praza de Europa, incluíndo o pavimento de céspede artificial e os distintos elementos. "Estas obras iniciaranse unha vez que se rematen as do Mirador", asegurou Puentes.
Relacionadas:
-
O parque de xogos das Palmeiras permanecerá pechado dúas semanas por obras
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Pontevedra engalánase con 5.000 flores e plantas para recibir o verán
Por Redacción |
-
Intervención artística e floral na Ferrería para conmemorar o Día do Medio Ambiente
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará antes de final de ano o primeiro parque infantil con xogos de auga
Por Alejandro Espiño |
-
O futuro do estanque do Paseo das Palmeiras: De refuxio para patos a circuíto para barcos de radiocontrol
Por Manu Otero |
-
Unha potente máquina trituradora dá o paso definitivo no proceso de talla de árbores na Alameda
Por Redacción |