O parque de xogos de auga comezará a construírse en outubro
Por Redacción
O primeiro parque de xogos de auga da cidade comezará a construírse no vindeiro mes de outubro, unha vez que a empresa adxudicataria Vortex Estruturas Acuáticas SL presente a documentación administrativa e os correspondentes plans de seguridade e riscos laborais.
O proxecto suporá un investimento de 374.640 euros e traducirase na creación dunha singular área de lecer dotada de chorros, difusores e elementos pensados para as familias e para nenos de tódalas idades no parque Rosalía de Castro, na ribeira do río Lérez que discorre polo Paseo de Rafael Areses (entre as pontes de Santiago e Os Tirantes), así como nunha área de xogos tradicionais realizados en madeira de robinia presidida por un grande castelo.
A intervención contempla ademais unha mellora paisaxística de todo este contorno adxacente ao Pazo da Cultura, con cores naturais perfectamente integrados na zona verde, novo mobiliario e espazos de confort e unha proposta enerxeticamente eficiente e sostible, coa instalación dunha chamativa iluminación con luminarias led de baixo consumo.
Segundo constata o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, á hora de adxudicar esta actuación tivéronse moi en conta os criterios de deseño, as solucións técnicas, as posibilidades de xogo e a capacidade (cantidade de rapaces que poden xogar ao mesmo tempo) dos elementos, tanto no que atinxe aos xogos de auga como aos 'tradicionais'.
Tamén valorouse as numerosas melloras ofertadas por Vortex: o prazo de execución dos traballos redúcese dos catro meses recollidos no prego de condicións a dous meses e medio; o prazo de mantemento proposto é de 48 meses, o máximo recollido no prego, e a incorporación de numerosos xogos e elementos complementarios en ámbolos parques.
O elemento estrela deste proxecto é o parque de auga que disporá dunha "enorme cantidade de funcións de xogo", con diversos tipos de difusores, chorros e formas de auga que se distribuirán en tres áreas: unha zona de xogo en familia, unha para os máis pequenos e outra para nenos de máis idade.
Tal e como lembra o concelleiro Iván Puentes, "o tratamento da auga levarase a cabo mediante un sistema automático de depuración".
O parque de xogos infantís 'tradicionais' que se creará a carón do de xogos de auga terá como peza máis chamativa un enorme castelo, tamén disporá de tres pórticos de bambáns variados. Entre as melloras que ofertou a empresa adxudicataria tamén se contemplan un circuíto de redes e xogos motrices e de equilibrio, do estilo dos que existen no parque infantil das Palmeiras.
Relacionadas:
-
Un gran castelo xa destaca na zona de xogos tradicionais e de auga no parque Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
Pontevedra poderá estrear o primeiro parque de xogos de auga esta primavera
Por Redacción |
-
Comezan os traballos para crear o primeiro parque de xogos de auga de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará antes de final de ano o primeiro parque infantil con xogos de auga
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra habilitará un parque infantil con xogos de auga na contorna do Recinto Feiral
Por Redacción |