O parque de xogos das Palmeiras permanecerá pechado dúas semanas por obras
Por Mónica Patxot & Redacción
O servizo municipal de parques e xardíns iniciou esta semana os traballos no parque de xogos para nenos de maior idade nas Palmeiras que segundo informa o concelleiro Iván Puentes, comezou coa retirada do pavimento deteriorado.
A obra contempla a reparación da totalidade dos elementos de xogo existentes coa substitución de todos aqueles con avanzado estado de desgaste.
Iván Puentes pon énfase na atención que dende o servizo de parques se ven desenvolvendo para lograr a mellor calidade e condicións de seguridade en todas as instalacións de xogo da cidade.
A actuación contempla o pintado e mellora estética dos elementos; eliminación de pintadas, lixado e tratamento os elementos metálicos que forman os xogos ou substitución de columpio cesta e redes de xogo.
Outro aspecto que destaca o concelleiro é a creación de ramplas de acceso á zona de xogo que eliminen o problema de accesibilidade que crea a pequena elevación da superficie do xogo sobre a cota das sendas do parque.
Por último, contémplase a renovación e nivelación completa do pavimento amortecedor conforme á normativa UNE, mediante creación de pavimento de capa de caucho de SBR e posterior colocación de novo céspede artificial.
Unha vez sexa rematada a obra que conta cun orzamento total de 48.195 euros, o parque someterase ao pertinente proceso de certificación ENAC, norma UNE como se está a facer de xeito progresivo coa totalidade de parques de xogo da cidade que se renovan integramente, co obxecto de manter as mellores garantías de seguridade.
Relacionadas:
-
Vinte persoas contratadas polo Concello poñen a punto a Alameda e as Palmeiras
Por Redacción |
-
Os parques infantís da Praza de Europa e do Mirador locen "como novos" para este verán
Por Redacción |
-
Pontevedra engalánase con 5.000 flores e plantas para recibir o verán
Por Redacción |
-
Os xardineiros municipais denuncian os recorrentes roubos de plantas e flores na Alameda
Por Redacción |
-
Pontevedra estreará antes de final de ano o primeiro parque infantil con xogos de auga
Por Alejandro Espiño |