Condenado un home ao que sorprenderon vendendo coca na Rúa da Ponte
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou en conformidade unha persoa que foi sorprendida pola Policía Nacional durante a compravenda dunha papelina de cocaína.
En virtude do acordo alcanzado polas partes foi innecesaria a celebración do xuízo, polo que este procesado foi condenado por un delito contra a saúde pública á pena dun ano e seis meses de prisión e multa de 24 euros cunha responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento dun día de privación de liberdade, comiso da substancia e diñeiro intervidos e pago das custas procesuais.
Polo Ministerio fiscal informouse favorablemente á concesión do beneficio da suspensión da execución da pena privativa de liberdade polo prazo de dous anos condicionado a que durante este prazo non delinca e baixo apercibimento de que, en caso contrario poderíase revogar o beneficio concedido e acordar o cumprimento efectivo da pena privativa de liberdade imposta.
Os feitos tiveron lugar na Rúa Ponte, de Pontevedra, o acusado estaba a vender a unha muller unha papelina de 0,464 gramos de cocaína cando foron interceptados pola Policía Nacional. A cocaína intervida tiña unha riqueza do 76,4 %, cun valor no mercado ilícito de 47,50 euros.
Esta sentenza é firme e non cabe recurso algún contra ela.
Relacionadas:
-
Ratifican a condena a un home que golpeou unha muller na cara coa cunca do almorzo
Por Oskar Viéitez |
-
Confiscan haxix, unha pistola de balotes e unha navalla nun control de tráfico en José Malvar
Por Redacción |
-
Desarticulan un grupo criminal que distribuía cocaína en Galicia e Portugal
Por Redacción |
-
Preocupación nas autoridades de Tráfico polo aumento de alcoholemias positivas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |